Rúas para a igualdade

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

26 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As mallas urbanas con toda a variedade de rúas, avenidas e prazas, conforman os espazos comunitarios ao servizo das persoas e para o exercicio dos nosos dereitos e deberes. Non hai que ser marxista para darse conta de que non son iguais, a primeira vista expresan o perfil social e económico dos seus moradores.

Os urbanistas dos anos noventa teorizamos e practicamos a necesidade do zurcido, da interconexión do sistema viario coas grandes infraestruturas, que xogan o papel de supercondutores. Aquel pensamento deu os seus froitos. Así foron remodeladas moitas cidades e descentralizáronse equipamentos para renovar barrios. Mesmo as urbanizacións de rendas altas, que diante dos medos milenaristas sentiron a tentación de pecharse en fortalezas, están a admitir que lles interesa a conexión cos outros porque necesitan da súa asistencia.

Velaquí unha crise cósmica que nos obriga a pensar de novo a cidade e os seus usos como un feito sociolóxico, xunto co seu desenvolvemento construtivo, a sustentabilidade, a dotación de servizos, a mobilidade e a intelixencia artificial. Volver contextualizar as rúas nos barrios, os barrios na cidade e esta no contorno metropolitano. É dicir, enfrontarse á complexidade para democratizar aínda máis o espazo público.

Temos que valorar, amais, que as cidades contan con lugares comúns onde se practica acotío o intercambio social. Son aqueles que nos representan simbolicamente e nos que nos identificamos: a cidade histórica co seu patrimonio, os lugares ao aire libre onde se encontran todas as diversidades, os centros de cultura e lecer que van ser imprescindibles na saída desta crise.

Que fácil sería gobernar as urbes se non houbera desigualdades, ou se os desfavorecidos, privados da cidadanía, estiveran confinados todos nun mesmo sitio. Pero a democracia do século XXI non é como a ateniense, ten que gobernar para todos, garantir a autosuficiencia de cada sector e optar ao mesmo tempo pola mestura e a interdependencia, potenciando a responsabilidade fiscal para executar equitativamente os investimentos.

Andar polas rúas favorece a comunicación social e propicia as relacións igualitarias no exercicio dos dereitos. Arestora temos que aceptar as restricións para garantir a saúde comunitaria, que está por riba de todo. Parecemos estatuas, sen poder achegarnos, cuberto o rostro escondendo o bocexo, o amor ou o desencontro, e aínda así estamos obrigados, máis ca nunca, a practicar de verdade a tan proclamada solidariedade.