Unha España policéntrica

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

02 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Madrid non é unha urbe desenvolvida polas súas condicións naturais (compárese con Lisboa, Sevilla ou Barcelona). Houbo vontades políticas para facela medrar ata España se converter nun estado macrocefálico. O franquismo impulsou o seu crecemento cunha periferia que ten enorme peso poboacional e económico; e recentemente viuse o empeño do aznarismo por concentrar en Madrid as cúpulas das grandes empresas, españolas ou estranxeiras (lémbrense traslados alá de equipamento e persoal de compañías galegas).

Obsérvese tamén que a política concentradora á beira do Manzanares dificulta a implantación de organismos nos lugares onde teñan máxima razón de estar, ou onde se dean as condicións para ir creando un estado policéntrico: velaí a frustrada Axencia Estatal de Radiocomunicacións en Galicia. E, ao falarmos de telecomunicacións, cómpre sinalar o principio de nodos espallados e intercomunicados que as fai efectivas: un fallo nun nodo central exclusivo pode ser fatal. Se cadra soa a utópico, mais non sería inútil o recordar aos estadistas ese principio. Para que España non corra perigo de colapso, empresas e institucións vitais deberíanse ir (algunhas retornar) de Madrid a provincias: a crise da pandemia estanos a demostrar, brutalmente, as virtudes da desconcentración humana e do teletraballo.