Despois da legalización do PCE, en 1977, Santiago Carrillo fíxose juancarlista de toda a vida e o rei, que percibiu aquela lealdade, confiáballe as súas inquedanzas: «Don Santiago, tengo serias dudas de la existencia de monárquicos en España». Había poucos, si; pero a actuación do rei a noite do 23-F de 1981 esfarelou moitas conviccións republicanas e os máis dos demócratas vimos no juancarlismo o antivirus contra a pandemia do franquismo. O PSOE, republicano de nacemento, fíxose juancarlista de corazón; e Peces Barba, presidente do Congreso, admitiu que a monarquía pode ser máis democrática que a república.
Malia verse involucrado nalgún escándalo financeiro, eran días de viño e rosas para don Juan Carlos, que, en 1993, declaraba a José Luis de Vilallonga: «Mi tarea consiste en obrar de forma que los españoles vuelvan a reanudar la tradición monárquica». «Tengo que demostrar que la monarquía puede ser útil al país». O home estaba cheo de boas intencións, pero aínda que o espírito estea presto, a carne é fraca; e, claro, pasou o que pasou e don Juan Carlos dilapidou o inmenso caudal afectivo que colleitara aquela noite e deixou ao fillo endebedado ata as orellas.
Don Felipe teno difícil. Os xoves ven na monarquía unha institución obsoleta, mesmo antidemocrática; e, ademais, a cautela, tan valiosa nos monarcas parlamentarios, non está entre as súas virtudes. O pasado 3 de febreiro, mentres a presidenta do Congreso, a socialista Meritxell Batet, remataba o discurso de apertura da XIV Lexislatura, presidida por Felipe VI, con vivas á Constitución e ao rei, 49 deputados e senadores de ERC, JxCat, CUP, Bildu e BNG daban a coñecer un manifesto: «Las fuerzas políticas independentistas, soberanistas y republicanas firmantes de esta declaración queremos manifestar: la Monarquía española y su máximo exponente, el Rey de España, no nos representan».
O catalanismo non esquece o seu discurso do 3 de outubro de 2017, no que acusou aos políticos soberanistas de deslealdade aos poderes do Estado e instou ao Goberno a asegurar a orde constitucional. Días despois, o presidente Rajoy aplicou o artigo 155 e o papel moderador atribuído aos reis esvaeuse.
Enténdense a indignación de don Felipe por non asistir á entrega de despachos aos novos xuíces en Barcelona e o «¡Viva el Rey!» dos xuíces ante as torpes xustificacións do Goberno; pero a obriga do rei é calar e roela. Diso sabe moito seu pai, tantas veces ninguneado polo presidente Aznar, que chegou a sinalalo co dedo mentres dicía aos xornalistas: «Y a este lo mando a Polonia». Era o ano 2001 e mandouno coa raíña e o ministro Piqué. Nese mesmo ano o presidente Bush e a súa dona visitaron España, e Aznar e Ana Botella deixaron aos reis con protagonismo mínimo, nun escurísimo segundo plano. Don Juan Carlos calaba, pero reaxía co «ollo por ollo, dente por dente», e o mesmo día que Aznar foi recibido por Bill Clinton na Casa Branca chafoulle a foto de portadas anunciando a voda da infanta Cristina con Urdangarín.
O silencio dos reis é ouro. O conde de Romanones valorábao tanto que ata lle valía para rei don Jaime, o infante xordomudo: «Un rey que ni oye ni habla es un rey perfecto. ¿Qué más podemos desear?»