Xogar con máscara os campionatos de todas as ligas non profesionais que se celebran en Galicia non vai ser broma, pero se non media outra decisión é o que vai acontecer. A alternativa pode ser que este ano non se organice ningunha liga non profesional. Ningún campionato. En todas as categorías, de benxamín a senior, masculino e feminino, milleiros de nenos e nenas, mozos e mozas, tamén maiores amadores que adestran e compiten en deportes de equipo están chamados a competir con máscara. Alguén que podía, tomou en Galicia algunhas decisións sobre deporte e covid nestes últimos tempos non sei se ben ponderadas, pero si moi pouco discutidas, cando menos na opinión pública. En todo caso, están tendo xa consecuencias.
Partamos da base de que ninguén sabe aínda como se comporta este virus e que a sociedade actúa atendendo ás indicacións que establecen os responsables políticos primeiro e administrativos despois. Asumindo que esas normas están ben informadas e asesoradas por expertos, seguimos responsablemente todas as recomendacións. Fálase moito de incumprimentos, pero moi pouco da encomiable disciplina social coa que todo o mundo usa a máscara un día tras outro nos espazos públicos. Si, ás veces o home traba no can, por iso é infrecuente a noticia de que alguén -ademais de Trump- se resista o uso da máscara.
Pensemos agora en pavillóns deportivos con dous equipos de raparigos de catorce anos xogando a baloncesto coas súas máscaras, cinco contra cinco fintando, entrando a canastra, facendo tapóns. Mesmo ao aire libre. Imaxinemos picariñas de nove xogando a fútbol once contra once, correndo pola banda, driblando ou facendo entradas unhas e paradas outras, todas alentando contra unhas máscaras que lles tapan nariz e boca. Está de moda facer comparacións e, aínda que as máis das veces son bastante inoportunas, non me resisto neste caso a lembrar a celebración do Tour de Francia, unha burbulla na que estiveron metidos con éxito varios centos de persoas. Por contra de Madrid non vou falar.
Nas ligas non profesionais nas que os equipos galegos xogan fóra de Galicia hai un problema engadido. Como a norma de xogar con máscara que establecen as nosas autoridades deportivas non rexe máis que aquí, seica se está valorando obrigarlles a facer PCR aos equipos visitantes que veñan xogar: inasumible e incomprensible para os equipos. A alternativa é que os galegos busquen instalación para competir no Bierzo ou Asturias, desprazándose para xogar na casa. Este asunto das máscaras no deporte fai pensar que ás veces a prudencia consiste en esaxerar, máis que en dar respostas. Entra a dúbida de se o criterio definido neste caso é extremadamente responsable ou se máis ben busca evitar responsabilidades. Non é para iso que outorgamos a confianza e a responsabilidade aos nosos gobernantes.