Co calculadores electrónicos xurdiron dúas escolas académicas, a anglosaxona e a francesa. Dunha vén o termo computer e da outra, ordinateur. Na primeira cátedra de Informática de España triunfou “ordenador” para designar unha máquina de rango lóxico superior ao computador. Co paso dos anos, a influencia ianqui fíxonos falar de “supercomputador”, máquina con potencia de cálculo e capacidade de almacenamento enormes, formada por múltiples ordenadores que funcionan en rede partillando tarefas. Sendo fieis á escola da Sorbona, habiamos chamarlle “superordenador”. Mais, daquela, non valería o suxestivo xogo de palabras escoitado nun webminario a membros do Centro de Supercomputación de Galicia: «Supercomputar para supercompetir». Con el tentaban chamar a atención sobre algo do novo escenario industrial: os cálculos complicados non son só para grandes empresas. As peme galegas dispoñen dunha máquina poderosísima coa que conectaren a moi baixo prezo. É capaz, por exemplo, de deseñar axiña pezas mecánicas e probar virtualmente o seu comportamento, aforrando horas de traballo e materiais para superar a competencia.