Mentres nalgunhas cidades aínda quedan en pé os ostentosos monumentos erixidos polo fascismo aos seus próceres, e só uns días despois de que a estatua de Francisco Largo Caballero amencese chea de pintadas ameazantes, o alcalde de Madrid buliu para retirar a placa que figuraba na fachada da casa onde naceu este sindicalista, popularísimo ministro de Traballo e presidente da II República que, por certo, acabou sendo entregado polo goberno de Vichy á Gestapo para ser internado nun campo de concentración nazi.
A proposta é de Vox, claro: un alarde pintoresco que amosa quen son os compañeiros de cama do PP. Sen un informe histórico previo, os picos e os martelos resoaban hai uns días ás mans duns traballadores que, seguramente, non sabían que lle deben a Largo a súa xornada de 40 horas semanais.
En 1981, a proposta do alcalde Tierno Galván de colocar esa placa foi aprobada por unanimidade. Tamén daquela había edís de extrema dereita na corporación, probabelmente con máis memoria e cultura cá expresada estes días tanto por dirixentes populares coma por parte dos francotiradores verbais de Vox, que, para vergoña de todos, están reproducindo o que Paul Preston denominou «clichés da propaganda franquista», polos cales se axustizou vingativamente aos gobernantes lexítimos elixidos democraticamente desde o 31, que pasaron a ser perigosos coma se non estivesen xa mortos ou no exilio. De aí a prevalencia do insulto. Non lles lembra a nada?
Pero quedemos coas palabras de Sonia Largo, neta de Largo Caballero, que, aínda desde o exilio e nunha carta aberta, resume este despropósito que aínda pervive nunha frase sinxela: «A grande diferenza entre un bando e outro é que o pobo defendeu a liberdade e o fascismo, a represión».