«O vindeiro traballo de Fátima podería ser na tecnoloxía (pero ela aínda non o sabe)». E Fátima, unha bailarina con cara de non ter nin idea dos plans do Goberno británico sobre o seu futuro laboral, ata a zapatilla mentres o tutú branquísimo parece saír da foto. En fin, que, segundo esta campaña, o Goberno británico logrará que Fátima deixe os seus vinte anos de estúpidos soños traducidos en estudos, para sacar en tres ou catro cursos un título de programadora, e traballe oito horas diarias dándolle ao intro dun teclado en Google. Que non sabe o que é a industria tecnolóxica? Ah, claro, velaí esa xentiña das artes, que non coñecen o verdadeiramente importante, ou sexa, o diñeiro. Por iso agasallan a cultura cando hai pandemias.
É certo que o póster se distribuíu nos medios británicos, pero o espírito é o mesmo aquí, onde somos dados a recortar nas artes coma se non fose unha industria que aporta ao PIB entre o 3 e o 4 %, máis ca o cacarexado mercado da enerxía, por exemplo. Claro que, nas vacas gordas, a hipocrisía funciona nun camiño de ida e volta: veloz vai o sector facer a foto que beneficia aos mesmos políticos que ven unha Fátima en cada artista, e teñen a esperanza, tan típica e paternalista, de que algún día a cordura os conduza polo rego da tecnoloxía ou o dereito. Pero todo o mundo chora vendo Billy Elliot e espera que os quince anos de estudos de guitarra do seu veciño de enfronte lle amenicen gratis un confinamento.
Mais non crean. Isto vai igual que ese viño superfluo pero chic co que regan vostedes as ceas coas súas amizades: hai que pagalo para telo. Se non a pagan, acabarán consumindo só cultura de brik. Isto vale para persoas físicas e para gobernos.