Patochada

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

04 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En galego diriamos (desculpen, non hai tradución mellor) conachada ou carallada, para gustos, pero patochada, en castelán, tamén nos vale. En realidade, sabemos a que nos referimos cando, coma os congresistas, facemos patochadas para o patrocinio a fondo perdido das operetas cutres do fascismo español de novo cuño, tan rancio coma unha obra de Echegaray, e tan malintencionado coma as frases de autoaxuda ás portas dos campos de concentración nazis. Xa se sabe, os congresistas representan un pobo e, coma este, aturan por idiotez, desidia ou covardía as mesmas conachadas que a xente en xeral atura na tele, en Twitter, e no grupo de Whatsapp da escola, deixando que as caralladas da ultradereitiña afoutada medren ata convertérense en ameaza e ocupen o espazo coma un moco viscoso e pegañento. Moi poucos fan o que se debe coas patochadas dos snobs malcriados: facer con elas un morico e guindalo nun pozo de desprezo. Só Aitor Esteban, e algún outro parlamentario con pouco que perder e moita vergoña allea.

Hai un refrán que di «non hai maior desprezo que non facer aprecio», e sería toda unha lección parlamentar ter un xesto de desprezo común contra os fascistas que tiveron a ben enredar a todo un país con preocupacións maiores que esa patochada de moción de censura argallada ad maiorem gloriam da súa propia propaganda facilona, do mesmo xeito que todo o congreso, agás eses mesmos indecentes de Vox, tivo o xesto de aprecio colectivo coa parlamentaria recuperada do seu cancro que recibiu unha fermosa ovación de apoio que, entre tanta carallada, tanta conachada e tanta insultante estupidez, foi capaz de reconciliar a esta articulista coa condición humana.