Dimitró

Xosé C. Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

05 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando comezan as competicións deportivas, mesmo nesta tempada triste, o meu primo Gerardo infórmame de novidades. É barcelonista, coma min. Pero non dá conta unicamente de saídas e incorporacións do noso equipo, senón que reflexiona arredor de diversos deportes cun coñecemento encomiable. Hai tempo que asegura que tiñamos que fichar ao porteiro do Eibar. Cando Marko Dmitrovic estaba no Alcorcón, hai cinco anos, el xa me machacaba cada fin de semana: «Neno, hai que fichar a ese». O que pasa, e xa o sinalei moitas veces, é que o meu primo inventa unha realidade paralela. El chama aos actores como quere. Aos futbolistas, tamén. Muda o título de películas e sostén, sen que ninguén sexa capaz de quitarlle a razón, que este ou aquel chámanse desta ou daquela maneira en función da súa propia elección. A Nick Calathes, o base do basket barcelonés, chamoulle Nick Alicante cando o ficharon. Dous meses despois, a pasada semana, e como esquecera o nome de Calathes pero sabía que era grego, inventoulle un apelativo que case me mata de risa: «Kariokis Kalanthes, moi bo, neno». Antes de que os Angeles Lakers ganasen o seu último anel de campións da NBA, el confesou que non había color: «Os Nits de Filadelfia non teñen nada que facer», díxome durante a final entre Lakers e Miami Heat. De todas formas, aclaroume, os Lakers de agora pouco tiñan que ver cos do pasado. «Antes, neno, cando reinaba Xaquín Onil!». Entendín que era Shaquille O'Neal o suxeito da súa lembranza. Pero non quedou aí a cousa. Xogaba o Éibar. O Gerardo movía a cabeza de dereita a esquerda, arriba abaixo. Dixo: «Había que fichalo». A quen, preguntei. Sinalou ao porteiro. Afirmou, con categoría: «A el, a Dimitró».