![](https://img.lavdg.com/sc/ZliBst2OR9eIP0G6OThMIG5lyk0=/480x/2020/11/04/00121604516859426603896/Foto/galego.jpg)
Temos un tesouro en Galicia do que todos nos deberiamos de sentir orgullosos. Unha lingua con unha historia milenaria, filla do latín, nai do portugués e actualmente falada en 11 países de catro continentes. Un grande potencial que non estamos sabendo aproveitar.
Neste ano 2020 por fin celebramos a tan desexada homenaxe das Letras Galegas ao escritor, académico e sobre todo mestre Ricardo Carvalho Calero, un dos personaxes máis brillantes da nosa historia contemporánea. Un marabilloso autor que na etapa final da súa vida sufriu a incomprensión e o desprezo de unha boa parte do panorama cultural galego (incluíndo o galeguista) pola súa defensa do Reintegracionismo.
Para os que non coñecen o termo, a norma internacional ou reintegrada do galego non implica demasiados cambios na expresión oral con respecto ao actual, pero si varía substancialmente a escrita posto que defende o uso das regras ortográficas e morfolóxicas do galego antigo, máis similar ao portugués. Esta é unha vella reivindicación de unha facción da esquerda nacionalista que agora está a transcender esas fronteiras, chegando a moitos liberais que reparamos nos beneficios da recuperación de dita norma. Tanto por respecto á nosa historia como pola oportunidade que supoñería para a mocidade e as empresas de Galicia o dominio de unha ortografía que lles daría acceso a un mercado de 280 millóns de persoas no mundo, comezando polo noso veciño Portugal, en clara expansión económica e turística, e seguindo por Brasil, Angola, Mozambique, Cabo Verde e outras rexións de África e Asia como Macau en China e o estado de Goa na India.
O problema é que en España existen complexos históricos derivados do debate territorial entre nacionalismos rexionalistas e forzas centralizadoras. Esta confrontación ten moitas manifestacións socio-políticas pero unha das máis visíbeis é a xerada ao redor do uso das diferentes linguas de España, que, lonxe de ser interpretadas como a gran riqueza que son unidas ao castelán, a miúdo se consideran unha ameaza.
O caso do galego é especialmente interesante porque é unha expresión histórica de algo moi noso: a falta de auto-estima. Aínda sendo a segunda lingua máis importante da Península Ibérica e a sexta do mundo, o isolacionismo da normativa actual está a perder as súas dúas batallas. A primeira: atópase en caída libre en número de falantes, e o que é peor, en número de interesados na súa aprendizaxe. E a segunda: a súa normativa foi influenciada polo castelán de tal maneira que perdeu parte da súa identidade e, sobre todo, a súa proxección internacional. Chegados a este punto son cada vez máis as voces que están considerando a viabilidade dun grande pacto transversal para a implantación complementaria e voluntaria da norma reintegrada, afastando esta cuestión de outras reivindicacións políticas para centrala unicamente no beneficio que todos desexamos para Galicia.
Os nosos sistemas educativo e administrativo deben fomentar a riqueza que supón que calquera cidadán domine galego e castelán con fluencia para que na súa vida privada escolla o que prefira sen ningunha presión política ou social, porque ambos representan o mesmo tesouro, o da nosa comunicación. Pero en canto á forma do galego, unha vez superados os complexos históricos e o medo ás acusacións dende os extremos ideolóxicos, só hai beneficios en que se recoñeza, valide e integre para uso libre unha norma que será a salvación do noso patrimonio lingüístico, ademais de un grande investimento para o futuro da nosa economía.