A última caña

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

09 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ar de derrota no peche dos bares que procede desa estúpida tendencia a expor todo o relacionado co covid en termos bélicos, e que se evitaría se, en vez de pensar que un virus se mata a canonazos, razoásemos un pouco. Pero que agardar de políticos que gañan eleccións coas emocións e non coa razón? Así que aí estabamos, apurando a última caña. Sabe a desesperación e a senrazón, a sentimentalismo e prepotencia. E sabe tamén a desidia diante deses lugares, os bares, cuxo modelo de sostemento (tan baseado na explotación do persoal) xamais cuestionaramos. Pero aquí viñemos, e despedímonos do ambiente do bar, xa descafeinado, antes de darnos á bebida na casa, primeiro paso cara ao alcoholismo que aínda empeorará máis a nosa saúde. Sabemos que non se trata de gañarlle ou non ao virus, un ente que, no fin de contas, nin sequera sabemos se está vivo, pero desde logo non xoga ao Risk nin leva pistola nin ten vontade de nada máis ca de pegarse a unha célula e multiplicarse. Demasiado descoñecemento. Por iso preferimos aferrarnos ao último bar aberto e a esa idea ñoña de salvar o Nadal. É máis fácil crer niso ca pensar que somos tan limitados coma a capacidade dos nosos hospitais para acoller enfermos, especialmente despois daqueles tempos que parecen tan distantes, pero que sucederon onte, cando nos criamos inmortais e nos atreviamos a pechar centros de saúde e camas, mentres o fútbol dos domingos e a caña nos bares nos parecían a maior felicidade dun cidadán corrente. Reinvistan os cartos e o tempo que pasaban no bar: non se sabe de ningún contaxio nunha libraría. Busquen aí a felicidade, e un pouco de razón.