Cando ETA mataba, todos os gobernos tentaron negociar cos seus dirixentes a fin da loita armada, co mesmo argumento: calquera ideoloxía política pódese defender no Parlamento. Agora que Bildu o fai, a dereita aldraxa aos deputados independentistas chamándolles terroristas e asasinos; tamén cun único argumento: Bildu non condena os crimes de ETA.
É certo. Bildu, como organización política, non o fai. E que? Acaso os enviados a negociar con ETA polos gobernos de UCD, PSOE e PP esixiron aos terroristas interlocutores que para defenderen a autodeterminación no Parlamento, como lles propoñían, a banda debería condenar antes os crimes que cometera? Claro que non. O único que se lles pediu foi deixar as armas a cambio da liberación e a volta de etarras presos e exiliados. Nin sequera o presidente José María Aznar, ao autorizar en 1999 o traslado de 120 presos etarras a cárceres próximos ao País Vasco, lles requiriu abominar os seus delitos.
Bildu non vai condenar os crimes de ETA porque Sortu, formación herdeira da ilegalizada Batasuna, manda na coalición e entende que abondan os estatutos da organización, nos que se rexeita a violencia política, incluída a de ETA; e que a pretensión de obrigalos a pronunciar palabras de condena, só busca humillalos. Porén, desde hai dous anos, Bildu asiste o 10 de novembro á homenaxe ás vítimas do terrorismo —de todo o terrorismo: o de ETA, o do Estado e o da extrema dereita—, que se celebra no Parlamento Vasco. E non é certo, como din PP, Vox e a Asociación de Vítimas do Terrorismo, que o acto é unha farsa para xustificar a ETA. As palabras do lehendakari Urkullu, que o preside, non permiten tan arbitraria interpretación: «As xoves xeracións teñen dereito a saber que neste país se matou por pensar diferente; que existiu o terrorismo de ETA e causou máis de 850 vítimas mortais».
Ademais, os membros de Bildu que non proceden da esquerda abertzale si condenan os crimes de ETA. Fíxoo, hai poucos días no Congreso o deputado Jon Iñarritu ao dirixirse a Antonio Salvá, deputado de Vox e pai dun garda civil morto nun atentado de ETA, en 2009: «Cuando ocurrió ese terrible asesinato, esa injusticia que el señor Salvá sufrió en su familia y que nunca tenía que haber sufrido, expresé mi condena, mi rechazo con mi partido, y aquello que sostuve hace once años lo sigo sosteniendo hoy». Fíxoo Oskar Matute, xa en 2004, no Parlamento Vasco: «Un dos factores que oprimen e fan que esta sociedade non sexa tan libre, tan xusta e tan igualitaria como debera, é a violencia de ETA».
Non ten volta: Bildu non é ETA por moito que a dereita se encirre en afirmalo; e Pedro Sánchez ten dereito a contar co seu apoio, que é o de 250.000 votantes no País Vasco, que multiplican por catro os da coalición PP-Cs e por catorce aos de Vox.
Otegi? Eu vexo nas caras o reflexo das almas e a súa non me gusta nada; pero Jesús Eguiguren, expresidente do Partido Socialista de Euskadi, afirma que o cese definitivo da actividade armada de ETA, en 2011, non se produciría sen o proceso de paz que el e Otegi puxeron en marcha en 2005. Será que non o miro ben.