Segundo o director xeral da OMS, «debemos facer todo o posible para protexer os profesionais sanitarios, especialmente durante este período no que o virus está a aumentar e os pacientes enchen as camas dos hospitais». Recentemente, os homes e mulleres de anestesioloxía celebramos o día mundial da anestesia baixo o lema «o meu benestar e o teu benestar».
No actual contexto de pandemia os anestesiólogos vémonos sometidos a elevados niveis de estrés: sobrecarga asistencial, incertezas, ambiente hostil e, sobre todo, medos (a contaxiarnos, a contaxiar os nosos seres queridos); todo un caldo de cultivo perfecto para un gran desgaste profesional. Carecemos de espazos para un adecuado descanso, dunha comunicación fluída coa organización, non recibimos educación ou apoio emocional para loitar contra factores desencadeantes, e incluso hai inseguridade laboral en moitos profesionais.
Todo isto afecta a nosa calidade de vida, pero tamén repercute na calidade da atención. Por iso demandamos estratexias de reorganización laboral para diminuír os factores de estrés e a perda de motivación, aumentando a satisfacción no traballo. Coidándonos a nós, estamos coidando a seguridade dos doentes, por iso, seguindo as recomendacións da OMS e da Federación Mundial de Sociedades de Anestesia, aconsellamos introducir cambios no traballo cotián: aumentar os descansos, acordar estratexias para mellorar o benestar, fomentar o equilibrio entre traballo e vida persoal e, sobre todo, establecer sistemas de avaliación do risco no lugar de traballo.
Todo é posible coa colaboración das autoridades sanitarias, que deben asumir as conclusión de moitos estudos que conclúen que «nos traballadores que teñen moita responsabilidade e requiren dunha atención continua favorécese moito o desgaste profesional, polo estrés crónico a que están sometidos, o que implica esgotamento emocional, despersonalización e sentimento de baixa realización profesional».
O esgotamento emocional tradúcese en fatiga física e psíquica; a despersonalización, en distanciamento emocional como mecanismo de defensa; e a baixa realización profesional, en diminución da autoestima, perda de entusiasmo e eficiencia. De que estamos a falar? Do síndrome de burnout (queime profesional). Os homes e mulleres de anestesioloxía corremos moito risco de sufrir desgaste profesional, por iso queremos concienciar os responsables sanitarios e os profesionais da importancia de coidar e respectar o noso benestar laboral.
Máis da metade da cidadanía descoñece o traballo que levamos a cabo desde anestesioloxía. Durante a pandemia demostramos ser unha especialidade moi resiliente, pero á súa vez a nosa calidade de vida viuse moi afectada. Fomos quen de liderar ou coliderar a nosa participación en equipos multidisciplinares para dar atención a doentes críticos, vivimos momentos moi duros, pero non fomos heroes, simplemente fixemos o noso traballo. É primordial un recoñecemento do sobreesforzo feito, pero tamén a creación de equipos que axuden a un maior dominio das emocións. Mellorar o noso benestar é a mellor maneira de prever e diminuír o desgaste profesional.