O 1 de decembro de 1955 unha costureira negra de 42 anos chamada Rosa Parks subiu a un autobús en Montgomery (Alabama), no sur dos EE.UU. Os brancos tiñan reservada a zona dianteira dos transportes públicos, e os negros a traseira, mentres que a intermedia podía ser usada polos negros sempre que un branco non a requirira. Sentada nun dos asentos intermedios, foi obrigada polo condutor a ceder o seu sitio a un branco. Ela negouse. O condutor chamou á policía e Rosa Parks foi detida, pasou a noite no calabozo e foi sancionada cunha multa de 14 dólares.
Foi só unha humillación máis das sufridas polos negros e outras minorías étnicas, co acceso vedado a certas escolas, restaurantes, hoteis, ou piscinas, exclusivas para brancos. Como resposta, e co apoio dun pastor baptista, Martin Luther King (que se convertería en líder do movemento e incluso en mártir da causa, ao ser asasinado en 1968), promoveuse o boicot da poboación negra aos autobuses. A campaña, non violenta, durou 382 días e contribuíu a modificar as leis de segregación.
Pasados 65 anos daquel suceso, a discriminación racial e a xenofobia seguen vivas en moitos lugares. Como Arguineguín, unha localidade apenas coñecida por algún seguidor do Dépor, que tal vez sabe que alí naceu Juan Carlos Valerón. Alí chegaron nos últimos meses centos de inmigrantes africanos esporeados pola fame, a persecución e o afán de progreso, a risco de morrer nunha travesía perigosa. Sen sistema de acollida do Goberno español, ou sen gañas de telo, os emigrantes chegaron a superar os 2.500 naquel porto nun campamento improvisado, durmindo ao ar libre, ateigados sen medios de hixiene nin os mínimos coidados humanitarios.
Cunha alcaldesa reaccionaria, que apoia manifestacións veciñais celebradas con lemas como «no a la invasión»; con políticos que van alí a facerse fotos, pero non a resolver o drama, e con propostas como a do líder dalgún partido con nome de dicionario, moi militarista (e moi hipócrita, pois fixo de todo para librarse do servizo militar) e apelando á Armada para deter os caiucos (e afundilos?), violentando as leis do mar, que obrigan a recoller aos náufragos, como lembrou -o meu aplauso para el!- o actual xefe da Armada española, o almirante López Calderón.
Necesitamos en España, na Europa de hoxe menos Abascales, Salvinis e Orbanes, e si unha nova Rosa Parks, alguén que clame contra a xenofobia e convenza que a inmigración ilegal non se soluciona con muros, valados nin detencións inhumanas.