Simultaneidades

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

CAROLINE PASION

04 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En cada un dos nosos paseos, Xan e mais eu tentamos aprender curiosidades deste barrio ao que chamamos noso, pois levamos dezasete anos habitándoo. No Greenwich Village sempre hai unha historia que nos leva de volta a Galicia, xa que tanto o East coma o West Village foron lugares de acollida para os inmigrantes da nosa terra durante o século XX. Os históricos restaurantes rexentados por galegos no corazón do jazz e do movemento LGTBIQ+ fan que unha imaxine as historias de adaptación dos que chegaban aquí sen nada máis que esperanza. E os clubs como La Nacional axúdannos a entender os fortes lazos que unían aos galegos de Nova York coa convulsa historia da España do século XX.

O caso é que no noso paseo, coma tantas outras veces, pasamos por diante do Webster Hall. E de súpeto lembrei o feito de que ese histórico edificio, testemuña da historia do rock, é propiedade dun dos centros galegos da cidade de Nova York. Unity Gallega Inc. mercou o Webster Hall no ano 1969, e durante un tempo centrou alí as actividades da Casa Galicia. E cando a inmigración galega na cidade foi gravitando cara o barrio de Queens, decidiron alugar o Hall en Manhattan para crear un espazo equivalente nesoutra nova Galicia.

O máis fermoso para min foi pensar que, durante máis dunha década, a Casa Galicia compartiu o edificio coa mítica sala The Ritz, pola que pasaron Tina Turner, Frank Zappa, Eric Clapton... E no meu paseo co Xan, nunha mañá calquera, imaxinei a tódolos ídolos da miña adolescencia saíndo de madrugada do mesmo edificio no que entraban, tamén de madrugada, unha ducia de galegos dispostos a preparar a súa romaría, e pensei que o mundo é tan pequeno coma inmenso.