Emilia Pardo Bazán era unha señora tremendamente lista e tremendamente rica que puxo a todos os señoros do seu tempo contra as cordas grazas á súa intelixencia e á súa riqueza. A súa personalidade foi esquecida durante décadas; e aínda a risco de me acusen de paranoica feminista que ademais fala pola ferida, direi que adrede: igual no medio da atención á Pardo Bazán descubriamos cousas inenarrábeis coma a manipulación das reais academias (cos seus realacadémicos incluídos), a exclusión sibilina das mulleres da cultura, ou a verdadeira influencia dalgunhas nobres na política do XIX. Ata hai pouco, claro, era mellor que esas cousas non se soubesen, non fose ser que as actuais escritoras saísemos do noso romántico letargo e comezásemos a mover os marcos seculares que hoxe benefician aos mesmos que en 1850.
Pero, oh!, o letargo das mulleres rematou de súpeto en 2018 e unha horda de señoros contemporáneos tivo que subir a toda mecha ao carro dun feminismo útil para outros fins. Nunca é tarde, certo... Pero, que lle queren? Algo debo de ter eu de paranoica, como din, porque tanta querencia agora por unha intelectual que foi incómoda durante século e medio semella unha cortina de fume para ocultar outras cousas que pasaron en Meirás cuxa desmemoria é, para algúns, aínda máis prioritaria ca negar a unha muller o seu lugar na historia.
Só se me ocorre unha cousa capaz diso: evitar que a mesma forza civil que logrou arrebatar o pazo das mans dos seus ilexítimos usurpadores o converta nun espazo de revisión da memoria da triste España que nos trouxo ata aquí. A españolísima dereita afoutada é así: faise feminista antes que facer visíbel o relato das vítimas do franquismo.