Os pactos políticos equitativos son unha utopía. Sempre hai unha parte que gaña, pero é frecuente que ambas se consideren vencedoras na pugna.
No caso do brexit, os negociadores din sentirse satisfeitos. Ursula von der Leyen dixo: «Agora temos un acordo xusto e equilibrado co Reino Unido. Protexerá os nosos intereses da UE, garantirá unha competencia leal e brindará previsión ás nosas comunidades pesqueiras». Boris Johnson soou máis triunfalista: «O pacto protexerá postos de traballo, permitirá que os produtos do Reino Unido se vendan sen aranceis nin cotas no mercado da UE e permitirá ás empresas facer aínda máis negocios con Europa»; e xa en plan nacionalista engadiu: «Ademais, logra recuperar o control das nosas leis e o noso destino».
Case á vez, a patronal pesqueira española, Cepesca, en declaracións de Javier Garat, secretario xeral da entidade, manifestou que o día da firma é un «día negro para os pescadores europeos, as súas familias e as súas comunidades». A rexión máis prexudicada é, segundo din, Galicia.
Boris Johnson non ía ceder no da pesca porque o control das augas ten un valor simbólico que lle permitirá salvar a súa vida política. E á Unión Europea ceder niso resultoulle un prezo «xusto e equilibrado». A fin de contas, España é un país do sur, un dos PIGS, e Galicia unha comunidade calada, que non alborota nin crea problemas como os cataláns ou os vascos; unha perfecta moeda de cambio. Ai! Se Alemaña fose unha potencia pesqueira outro galo nos cantara!