Epístola para unha fin de ano rara

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

xerardo estévez

02 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Trátase dunha epístola de Nadal para un edil dunha cidade calquera. O seu oficio consiste principalmente en rexistrar todo o que acontece na escena urbana, aínda que a ollada cotiá lle impida percibir a disonancia como, por exemplo, a cartelaría de plástico que prolifera nos conxuntos históricos. É dicir, está obrigado máis a mirar que a ver, e ten que eludir a visión especializada da súa área, inseríndoa no contexto municipal e coordinándose cos outros corporativos, contrastando a demanda do veciño que o aborda a pé de rúa todos os días. Sempre fun partidario do clásico bloc de notas con boli para ir apuntando as cuestión que con amabilidade se deben atender, para filtralas e logo dicir que si ou saber, de ser o caso, argumentar un non.

Confíanse a miúdo os temas urbanos a expertos que fan análises fragmentarias da realidade, fértiles en neoloxismos que, por certo, a RAE vai recoñecendo cunha flexibilidade abraiante. O mellor experto da cidade ten que ser o concelleiro, capaz de contextualizar as monografías que xorden como setas en múltiples traballos de investigación, que ás veces suplen a limitación de datos con ocorrencias que poden parecer brillantes pero non deixan de ser banais. O primeiro desafío é transmitir ao común a opinión rigorosa, democratizala, facela accesible á cidadanía para ir nutrindo a conciencia cívica e patrimonial.

Propoño a ese edil adoptar a actitude dun paseante atento, viaxado para coñecer outras realidades, capaz de elaborar o que se adoita chamar discurso ou relato. É verdade que agora é mais difícil, porque nas últimas décadas as cuestión urbanas derivaron da perspectiva global que se obtiña desde os plans xerais e estratéxicos a visións e decisión sectoriais, que á primeira de cambio convértense en realidades improvisadas coas que, insensiblemente, as nosas urbes van adquirindo perfís de parques das fantasías kitsch.

Gobernar as cidades é, efectivamente, máis complexo, porque non todos os problemas se resolven co planeamento, nin os da cidade histórica son só de restauración e rehabilitación. Aí está o reto de idear e escribir a nova filosofía da cidade, de crecemento, de convivencia, de planificación, e transmitírllela aos habitantes.

Paseando polo perímetro autorizado nestes días dun Nadal raro, preguntábame que é o que ten que ver e mirar un concelleiro para evitar que a iluminación das cidades caia na imitación da bixutería das avoas. Canta reflexión merecería a iluminación nocturna e a festiva.