No ámbito educativo son dous os grandes prexuízos desta pandemia: a perda de equidade e a baixada de nivel. Galicia conta coa maior igualdade de oportunidades educativas de España e está á altura de países modélicos, como son os nórdicos. Esta vantaxe viuse ameazada co confinamento porque a escola pública non podía levar a cabo ese decisivo proceso igualador. As familias de nivel cultural superior contan con máis recursos e apoian mellor aos fillos na casa que as que non dispoñen destas prerrogativas. Esperemos que esta situación non se repita e que os alumnos que deban permanecer nas súas casas sexan cada vez menos.
O segundo mal foi a baixada de nivel en tódalas etapas educativas, que favoreceu a promoción de alumnos que non o merecían. Todas foron facilidades, motivadas polo hándicap do ensino telemático, as dificultades para levar a cabo unha avaliación obxectiva ou o risco de acrecentar as desigualdades. O problema vai ser a partir de agora ensinar a estudantes que estean en cursos superiores aos que lles corresponde ou que teñen superadas materias esenciais sen o dominio das competencias básicas. Tendo en conta tamén a esplendidez da selectividade, en que condicións han acceder estes alumnos aos estudos superiores?
Pero a pandemia propiciou tamén dous importantes beneficios para o sistema educativo. O empurrón, quizais definitivo, ao emprego das novas tecnoloxías, que acabou por convencer a moitos profesores da necesidade do dominio deste recurso, xa imprescindible. Houbo, porén, unha significativa porcentaxe que non quixo subirse ao carro e que ademais por medo ao contaxio nos centros educativos, optou pola xubilación anticipada, o cal está a fomentar unha renovación xeracional e a dispoñibilidade de máis prazas para acceso á docencia.
En segundo lugar, o aumento de recursos nos centros, sobre todo humanos, que posibilitou a división de grupos numerosos de alumnos e o apoio a aqueles con retrasos ou necesidades educativas especiais. Tamén se atenderon moitas necesidades de equipos informáticos e de acceso a Internet. Xa que logo, aínda dentro do moito mal que está a facer a pandemia, hai algo positivo no sistema educativo, que debería consolidarse.