A conxura contra América era o título dunha novela de Philip Roth na que fantasiaba sobre que pasaría se o fascismo se fixese con poder nos Estados Unidos. Morreu hai nada e non lle deu tempo a ver como o día de Reis centos de fascistas animados por un presidente fascista tentaban do xeito máis fascista posible tomar o poder.
O acontecido en Washington sérvenos para falar claro dunha vez sobre a realidade dese país que sempre se nos pon como exemplo de democracia, liberdade e grandeza. Supostas verdades que en realidade teñen pouco de certas.
Non é certo que sexan a democracia máis importante do mundo porque nese país para ser candidato a presidente tes que ser millonario e, se non o es, tes que poñerte en mans de millonarios para gañar a Casa Branca. Nunha democracia real, calquera pode chegar ao poder se conta cos apoios populares suficientes (de feito, hai quen descualifica aos de Podemos chamándoos «perroflautas»), pero non no país das barras e as estrelas. E non é certo que sexa o paradigma do país libre. Porque os EUA, como demostran as principais ONG do mundo, as desigualdades sociais son inmensas. Hai millóns de pobres que non poden acceder ao máis básico para ter unha vida digna. Que clase de democracia pode ser aquela na que nacer con determinada cor de pel ou en determinado estrato social te condena de por vida? E non é verdade que sexan un paradigma de país libre porque para votar tes que anotarte no censo. Que adoita acontecer? Que milleiros de persoas sen formación (negros e hispanos, en boa medida) non se anotan en cada cita electoral e, polo tanto, é unha parte sesgada da poboación (os WASP, ou sexa, «branco, anglosaxón e protestante»: white, anglo-saxon and protestant) quen decide quen goberna no Despacho Oval. E non son un paradigma de nada decente porque hai millóns de persoas armadas convencidas de que a xustiza se pode administrar cunha pistola na guanteira do coche. E porque hai policía racista, como comprobamos periodicamente. E porque só podes escoller entre a dereita (Biden) ou a ultradereita (Trump). Esa é toda a pluralidade da «democracia máis avanzada do mundo». Diante desta realidade, a ninguén lle debe sorprender que Trump, ese pirómano, lle dea lume aos que son coma el. O que aconteceu é grave, pero o realmente grave é que tomemos como modelo a imitar un país con gravísimas carencias democráticas, educativas e sociais. Ese é o verdadeiro perigo.