o mellor é que o tal Dani existe. Dixo estar encantado cumprindo co desterro obrigado para todo investigador con pretensións sobre o sistema universitario español; é feliz como bolseiro posdoutoral en Berlín, e non pensa optar á praza de técnico especializado no Instituto de Tecnoloxía Química do CSIC-UPV cuxo temario se publicou no BOE do 24 de decembro con esta referencia: «Bronces de óxido metálicos (Tesis de Dani)». -Dani, tío, confirma que non te vas presentar á praza!, diríalle o seu futuro xefe. Confirmou, e ademais corroborou a tese (esta si) do director do instituto: foi unha referencia de andar pola casa que se colou. Obviamente, a cousa non era para Dani se a súa tese era bibliografía para alguén máis preparado, se cadra un paciente señor de mediana idade a quen xa lle toca que lle digan como se prepara a súa praza.
Unha pobre investigadora que leu o BOE en Noiteboa pensou que esas referencias de andar pola casa soaban a documento que rularía entre químicos dos que -se siente!- estaría excluída. Para o tema de bronces de óxido metálicos, a tese de Dani, o noso chico en Berlín; para química do sílice, os artigos de Pablito. Quentouse, tuiteouno, e cavou a súa tumba. Pero non é que ela, Dani ou eu (deus me libre) pensemos que hai prazas con nome ou candidatos da casa na universidade española. Falemos claro: nunca pasan cousas raras nas oposicións a técnicos, titulares, catedráticos e contratados doutores. Eses procesos sempre son transparentes, xustos e ben publicitados. A endogamia é o mantra dos mediocres, amolados porque acceden os mellores, os académicos self-made que, despois, garanten que este sistema de acceso xamais discutido siga sendo tan perfecto como é.