De que serve ser experto?

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

17 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia, en España, non serve de nada ser experto en ningún tema. Non serve se quen ten que tomar as decisións, avalado no teu criterio experto, calcula que aplicando o que propós vai ter unha rebaixa nas expectativas electorais, ou sexa, que vai perder votos. É así de simple. Porque o certo é que, logo de camiño dun ano de pandemia, non podemos tirar outra conclusión tal e como se desenvolveron os feitos, a nivel local, a nivel autonómico e a nivel estatal. Non hai máis que abrir os xornais ou as redes sociais e veremos que hai centos, non uns cantos, centos de informes de expertos, dende que o pesadelo comezou, dicindo... xustamente o contrario do que logo os nosos dirixentes (todos sen excepción) fixeron. O motivo sabémolo de sobra. Como funciona a cabeza do alcalde, do presidente autonómico ou do Goberno sabémolo sen dúbidas: necesito saber como vai influír isto na miña popularidade, que lle vai parecer á xente, como me vai prexudicar.

Hai uns días retirouse da política José Mújica. Anda polas redes o fermosísimo e emotivo discurso no que se despediu da actividade pública. Malia a súa avanzada idade, explicou que quen o retira é a pandemia. Que ten unha enfermidade inmunolóxica crónica e que se o vacinan pode morrer. Así que marcha para casa porque, como el di, «el partido no se juega en los despachos, sino en la gente y hablando con la gente». E logo de lembrar os anos duros que pasou (dúas semanas atado coas mans nas costas con arames de espiño, seis meses atado sen ir ao baño, anos de cárcere... sempre por loitar contra a ditadura, aclarou: «Pero no odio a nadie. Solo siento amor». Explicou que a política «es el arte de buscar la felicidad de la gente».

Gustaríame que quen ten o poder de gobernar a nosa vida se parecese algo, aínda que só fose un pouco, a esa actitude que este home amosa na súa despedida da política. Gustaríame que pensasen na xente, ou sexa, que escoitasen a voz dos expertos, do persoal sanitario, dos especialistas en epidemioloxía, dos profesionais (que coido que nin os teñen en conta) da saúde mental (porque esta pandemia vai deixar, está deixando xa, terribles consecuencias en forma de doenza mental). Gustaríame que entendesen que por riba das súas posibilidades de voto está a xente. E así, daríalles igual «salvar o Nadal», como lle escoitamos a políticos de todas as cores. Porque os expertos, todos, dicían que ía pasar o que está pasando. E lemos que en febreiro a situación nas ucis vai ser peor que nos meses primeiros do desastre. Pero mira, salvamos o Nadal, houbo agasallos e Reis Magos e alcaldes con foto.

Releo o escrito e decátome que estou a trabucarme. Claro que lle fan caso aos expertos. Aos dos gabinetes de comunicación, aos gurús electorais. Aos que andan á procura infinda do poder.