Como resistir sen afundirse

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

01 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Como aguantar tanta calamidade? As máscaras: que se unhas, que se outras, cada vez máis caras, cun IVE do 21 %. Os sucesivos confinamentos: non poder ir á casa onde pasas os veráns, non saír do barrio, non reunirse con amigos, non poder ver aos fillos, porque ti non es convivinte.

Nin bares, nin cinemas, nin espectáculos, nin o ximnasio onde descargas preocupacións e recargas enerxía. E as vacinas: atrásanse as doses, non hai xiringas e moitos se coan na cola. E as empresas farmacéuticas véndenas ao mellor ofertante. E a de AstraZeneca non serve para maiores de 65 e aínda por riba acapáraa Boris Johnson. E o portavoz de saúde di algo e ao día seguinte contradise, sen desculparse e sen dar explicacións. E as ucis cada vez máis cheas. É probable que acabes morrendo nun corredor… Como non afundirse na desesperación, na depresión?…

O fundamental é non facer plans. Non pensar que, en tres, cinco, oito meses vas poder facer tal cousa ou tal outra. Hai que vivir ao día, nada máis. Os que traballan, pensar que outros están no paro, ou sexa, peor. Nas horas libres dedicarse ao que se pode facer en casa: ler, pintar, tocar a frauta, facer punto, bordar, oír música, escribir, facer labores de bricolaxe, estudar inglés ou alemán, ou chinés, dá o mesmo, facer taichí (hai clases na Internet), andar polo menos tres kilómetros.

E procurarse algún pequeno pracer: unha comida, unha copiña, un perfume, un corte de pelo… E asomarse á xanela, respirar fondo, ver as nubes que pasan, o ceo azul, sentir nas mans, na cara, as pingas de choiva, o sopro do vento. Sentir a vida correndo polas nosas veas. Sentirnos vivos, aínda…