Negacionistas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

20 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Habería que ver ao xuíz que dixo que un epidemiólogo é «un médico de cabeceira cun cursiño», cando lle din que os xuíces son loros de repetición ou escribáns que non usan a razón. Esas parvadas, habitualmente empregadas contra colectivos que funcionan cun certo corporativismo extemporáneo e clasista, tamén son utilizadas, curiosamente, por estes mesmos colectivos para criticar outras profesións corporativistas, extemporáneas e clasistas que non son a súa. Unha fórmula bastante atávica para xustificar a propia soberbia. Son eses que o himno galego, que para algunhas cousas serve de lección de antropoloxía, chama «imbéciles e escuros».

 

O medo maniféstase das maneiras máis inverosímiles, desde os idiotas de botellón adulto que, coa máscara a modo de fular, declaran que o virus é un invento para vender xel hidroalcohólico, ata ese xuíz que se cubriu de gloria abrindo a hostalaría vasca e facendo esa interpretación sui generis de títulos alleos, ou o alergólogo que cuestionou as vacinas dicindo unha estupidez tal que ata a esta simple columnista podería explicarlla cun esquema de nivel de primaria. Son maneiras covardes de arredar a angustia que provocarían neles os milleiros de mortos, se lesen a prensa; a incerteza da vida a unha semana vista, se non vivisen en burbullas para millonarios; ou a dor por perderen cousas tan importantes coma a misa do Domingo de Ramos onde estrear a roupa de primavera-verán.

As demais, que non pasamos nin un MIR nin unhas oposicións de xuíz, pero estudamos cousas tan desprezábeis coma o pensamento humano e as artes, sabemos que esta triste realidade é iso, realidade, e non deixa de ser triste por moito que amolemos aos demais coas nosas idioteces.