O egoísmo é un amor excesivo a un mesmo, que implica demasiada atención ao propio interese e desatención cara aos demais. É unha tendencia natural no ser humano, que en tempos de crises se exacerba.
Os que estamos persuadidos de que o covid-19 é un perigo mortal facemos todo o posible para evitalo, por propio interese, sen dúbida, pero tamén para evitar ese perigo aos nosos seres queridos, e, de paso, ao resto da humanidade, por exemplo, aos descoñecidos que comparten connosco o autobús, o metro ou a beirarrúa estreita dunha rúa.
Pola contra, dedícanse a facer o que se lles antolla os que están convencidos, como Vitoria Abril, ou antes Miguel Bosé, de que todo é unha conspiración; ou quen pensa que a cousa é como unha gripe, que eles son novos, ou fortes, ou teñen boa saúde, e se contaxian a algún avó, pois de algo se teñen que morrer os vellos.
Creo que os do primeiro grupo somos maioría, pero non suficiente para vencer a pandemia. Necesitamos unha autoridade que obrigue a cumprir as medidas sanitarias e castigue a quen as infrinxe: desde os convocantes e participantes das festas de fins de semana aos que fuman na cola da panadería ou estarricados nas cadeiras que o bar sacou á beirarrúa. E que obrigue aos que soltan teorías negacionistas nos medios a que o fagan coa máscara posta. Creo que a maioría dos cidadáns cumprimos, que diaños! Os que fallan son os que gobernan, mesmo en algo tan elemental como é a obrigación de exercer a autoridade cando é necesaria.