Arestauración ten un obxectivo adicional á corrección das patoloxías do monumento: permitir unha lectura do mesmo en termos de comprensión, accesible tanto para o experto como para o profano. Iso esixe cultura e coñecemento, prudencia e capacidade de traballo en equipo.
Cando restauramos un monumento ou intervimos nun espazo histórico descubrimos as secuencias construtivas que están ocultas. Temos a oportunidade de conservar e salientar aqueles estratos que son realmente memorables, que explican a súa construción a través dos séculos, e de retirar aqueloutros que non son elementos patrimoniais e danan a fábrica, aínda que foran construídos coa mellor vontade. Non se pode xulgar con ollos de hoxe as técnicas de hai trinta ou trescentos anos, pero tampouco se debe caer no afago permanente de que calquera pasado, polo feito de selo, é venerable.
Restaurar esixe humildade e consciencia de que, seguramente, dentro duns anos tamén se poñerán en cuestión as prácticas de hoxe. Esta certeza invita a intervir con elementos sutís e non invasivos e a aplicar técnicas reversibles que non danen os materiais. Por exemplo, do comportamento das distintas clases de pedra aínda se sabe pouco.
Na práctica profesional de intervención en espazos históricos ou en monumentos, que comparto con arquitectos novos e non tanto, soemos comentar que amais de aplicar as leis, regulamentos e teorías, convén exercitar a mirada reflexiva. Hai que estar en disposición de velo todo e participar da visión de outras disciplinas. O arquitecto do patrimonio ten que observar o que acontece arredor do seu encargo, pero o proxecto non é un sumatorio acumulativo multidisciplinar, senón máis ben un punto de partida que non nace por consenso, senón pola dúbida, e se vai elaborando cun nivel de esixencia e vontade de conxugar o vello e o novo e de loitar contra o esquecemento producido pola acumulación mecánica de estratos.
Unha vez concluída a restauración non hai que esperar a que, por razóns múltiples, o patrimonio empece a deteriorarse. Para iso están os plans de conservación preventiva, sempre que sexan concisos e claros, pero, amais, sería útil dispoñer de observadores patrimoniais que poidan seguir o itinerario das patoloxías e ir acometendo pouco a pouco operacións de mantemento que, de non facelo, converteríanse en obras custosas.
Mellor que os ollos tecnolóxicos que se están implantando nas cidades históricas, deberían ser os nosos propios ollos os auténticos coidadores do patrimonio e, para iso, hai que ensinar a mirar.