Fumigar con drons

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

LOLITA VÁZQUEZ

22 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As sociedades teñen que se rexer por normas, ás que non poden renunciar. Porén, segundo se aceleran os avances tecnolóxicos, a normativa relacionada con eles fica axiña obsoleta e tarda en pórse ao día nos parlamentos e as administracións. En consecuencia, detéñense os usos de técnicas e equipamentos que producirían grandes beneficios. Tal é o caso dos drons, que están a amosar a súa grande utilidade en incontables tarefas.

Unha delas é o control de colleitas: sensores, actuadores e intelixencia artificial permiten facer con eses aparellos mesmo tratamentos planta por planta. Mais a Unión Europea prohibe fumigar plantacións con «aeronaves», delegando nos estados o aceptaren excepcións á norma; e en España o Goberno central cede tal competencia aos das comunidades autónomas. Certo que unha avioneta tripulada a esparexer insecticida a decenas de metros sobre o campo pode producir graves efectos colaterais; ora, un VANT (vehículo aéreo non tripulado) voa a rente das plantas e apunta con precisión. Ante isto cómpre que «a Europa das rexións» funcione e as administracións rexionais tomen xa a excepción coma norma pois, habendo robots voadores, as «aeronaves» nunca máis van fumigar. Galicia, minifundista, sairía moi beneficiada: poderíase sulfatar cada leira sen botar pinga nas veciñas.