É urxente revisar o mapa escolar

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

29 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A recente marcha atrás na creación de centros integrados de formación profesional ou as tamén próximas supresións de colexios, son a punta do iceberg do que está a acontecer co mapa escolar de Galicia. O constante retraso na súa actualización, sumado ao declive demográfico e ao éxodo de poboación cara a contornos urbanos, impide levar a cabo planificacións específicas moi necesarias e supón un grande malgaste de recursos humanos e materiais.

A última actualización deste mapa tivo lugar nos últimos anos do próximo pasado século, coa implantación da LOXSE. Foi unha planificación moi complexa e chea de conflitividade pois supuxo, entre outros cambios, sacar os alumnos de 7º e 8º, do vello EXB, dos centros de primaria para integralos nos de secundaria. Galicia era pioneira na creación dos CPI (centros públicos integrados), nos que se imparte educación infantil, primaria e ESO. Houbo que implantar unha nova secundaria e unha formación profesional pola que a Consellería de Educación apostou desde o principio, téndose incrementado de maneira espectacular o seu orzamento. Da grande reforma que se levou a cabo, no marco dunha fortísima presión política, naceu unha nova rede de centros educativos, hoxe en vigor, que axiña precisou de retoques para adaptarse aos cambios sociais e demográficos de Galicia.

Pero neste cuarto de século que xa pasou, ningún dos responsables da Xunta de Galicia se atreveu a revisar este mapa. Hai un medo cerval aos alcaldes e aos pais de alumnos, que unicamente se xustifica por un medo electoralista. Xa que logo, déixase pasar o tempo facendo só os cambios imprescindibles, sen decatarse de que a revisión global do mapa ha ser inevitable. Temos cada vez máis concellos con varios centros próximos, coas mesmas etapas educativas e con aulas medio baleiras. Tamén con oferta repetida de ensinanzas postobrigatorias, faltando pola contra especialidades de grande demanda. O peche de centros educativos non ten por que supoñer peores servizos ao cidadán nin un excesivo número de alumnos por aula, pero si ha implicar un grande aforro de cartos. E non estamos a falar do chocolate do loro, senón de moitos centos de millóns de euros en toda a comunidade, unha vez racionalizado o gasto de persoal, de servizos complementarios ou de mantemento de centros. Isto permitiría levar a cabo eses plans pendentes que, ou están esperando no caixón ou se paralizan por medo ao conflito.