Nestes días, cando xa van alá dez anos do soño sirio de revolución pacífica que se botou ás rúas para reclamar un proxecto democrático e a defensa dos dereitos humanos, varios superviventes de tortura do réxime sirio lograron levar a xuízo a dous torturadores sirios invocando o principio de xurisdición universal que permite que terceiros países procesen crimes contra a humanidade cometidos fóra do seu territorio, un camiño que xa abrira o xuíz Baltasar Garzón coa orde de detención do ex ditador Augusto Pinochet. A noticia é unha luzada de esperanza para as vítimas que agardan que algún día o presidente sirio sexa xulgado por crimes de guerra e lesa humanidade perpetrados polo seu exército e os servizos de seguridade. Saben que esta é a única vía porque China e Rusia vetan no Consello de Seguridade da ONU calquera intento de levar o Goberno sirio á Corte Penal Internacional.
Bashar al Assad, por moito que teime en se escudar nunha guerra sectaria, foi quen reprimiu axiña as manifestacións pacíficas cunha violencia brutal e, para moita xente, inesperada, causándolles a morte a centos de manifestantes e militarizando un conflito bélico que aínda dura a día de hoxe. Ninguén debe poñer en dúbida que, para se manter no poder, o presidente sirio soubo radicalizar Siria para destruíla e bombardear as ideas, diante da indiferenza e impasibilidade de boa parte da comunidade internacional que, coa irrupción do ISIS en escena, chegou a estimar a Bashar al Assad un mal menor.
Ben é certo que o conflito sirio é un crebacabezas de difícil solución, pero non haberá xustiza no mundo até que Bashar al Assad sexa tamén xulgado por un tribunal estranxeiro que condene todos os crimes que cometeu contra o seu pobo e, sobre todo, contra a humanidade.