Relatos

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

16 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba buscando un relato que lle escoitara á miña nai o ano pasado. Tíñao gravado nunha das moitas entrevistas que lle fixera, así que mentres facía o xantar puxen a gravación e comecei a escoitala de novo.

Pero as entrevistas coa miña nai van saltando no tempo, e o seu relato pasaba directamente do buque Montserrat no que emigrou ao momento no que comezou a traballar pola súa conta. Para variar, obviaba eses dous anos que hai entre que chega e se fai independente, que eran os que me interesaban.

O caso é que comezou a falar do traballo que tiña en Caracas. Do feito de que alguén lle dixera ao seu xefe que ela cosía moi ben. E que, sen mediar moitas palabras, o xefe, que non era galego, encargáralle facer os traxes rexionais galegos que solicitaba a comunidade para o Carnaval. Nese momento da gravación, a miña nai di «e eu, que nunca me vestira de galega, púxenme a buscar selos para poder copiar os traxes»; entón pregunteille «e de que vos vestiades na Bola?», e ela respondeu «de nós».

A verdade é que nunca me parara a pensar onde aprendera a miña nai a facer os traxes «de galega» das súas fillas. Lémbroa organizando abelorios e coséndonos petos debaixo do mandil para que a miña irmá Raquel e mais eu puideramos ir tocar as alboradas cos cartos e a documentación ben gardadiñas. Pero nunca imaxinara que a súa primeira exposición a eles fora en Caracas e a través deses selos de traxes rexionais tan habituais nos anos sesenta...

Finalmente non atopei o relato que andaba a buscar, pero, coma tantas outras veces, a historia da miña nai axudoume a seguir construíndo ese concepto, tan complexo coma contraditorio, ao que chamamos «identidade cultural».