Mudar de mundo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ERIK S. LESSER | Efe

03 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«I can't breath» (Non podo respirar) foi o que pronunciou no seu alento derradeiro George Floyd, un cantante de hip-hop e delincuente habitual que, durante nove minutos e vinte e nove segundos, aturou sobre a súa gorxa a bota de Derek Chauvin, un policía de Minnesota que acabou coa súa vida. Nove minutos e medio de abuso de autoridade, segundo o fiscal. Mentres, Tou Thao, outro policía, impedía achegarse e observaba como o Xigante pedía axuda nun fío de voz. Chamábanlle así, Xigante Floyd, pero os seus dous metros foron máis pequenos cá sorpresa de morrer así, no absurdo. I can't breath. Podería ser unha letra bailábel a ritmo de 3/4 cos pantalóns bombachos no medio do cu, pero foi só unha forma desesperada de avisar de que o estaban matando. I can't breath. Disque quería pagar no supermercado cun billete falso de vinte míseros dólares. O único demostrado é que Floyd era negro.

 

I can't breath foi tamén o berro afogado de miles de persoas que utilizaron o caso Floyd para avisar que os prexuízos matan. Chámase «racismo sistémico», pois alí e aquí existe unha violencia estrutural contra aquelas persoas percibidas como diferentes. Diferentes aos poderosos, claro: por tanto, pobres, invisíbeis e desesperados. Persoas que dan igual, chámense negras, mulleres, menores non acompañados ou migrantes que afogan baixo a bota da tolerancia, tamén sistémica, co fascismo de novo cuño.

«O meu pai vai mudar o mundo», díxolle a filla de Floyd ao presidente Biden cando chamou para informar a familia de que Chauvin fora declarado culpábel. Quizais ese soño infantil faga que aínda escintile a loita polos dereitos civís alí e aquí. Pero vendo aquilo e vendo o nivel da campaña electoral de Madrid, a única opción parece ser mudar de mundo.