Respiracionistas

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

FAZRY ISMAIL | Efe

07 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando era pequeno o meu pai dicía que todo o mundo en Balaídos cría que sabía tanto como o adestrador do Celta sobre quen debía ou non xogar, pero que en realidade quen sabe que once cómpre poñer é o adestrador, que é o experto. Pero todo o mundo sabe de fútbol, ata eu, como todo o mundo entende de virus. Hai millóns de virólogos en España, millóns de persoas que poden opinar sen que se lles mova un músculo da cara, sobre a variante índia ou sobre se é convinte ou non poñer a segunda dose de AstraZeneca. Expertos e expertas que opinan lixeiramente e con ledicia sobre trombos ou sobre calquera outro asunto relacionado coa viroloxía. Xente, en definitiva, que sabe máis que Sánchez, Fernando Simón, Darias, a OMS, a Axencia Europea do Medicamento ou calquera profesional da saúde formado no asunto vírico. Somos así. Como dicimos en Galicia, «o falar non ten cancelas» e, daquela, opinamos. E por iso aparecen antivacinas, migueles bosé, e unha señora que vin outro día nun mitin de Vox explicando que ela non pon a mascariña porque é «respiracionista». Eramos poucos e pariu a avoa. Non era sen tempo que aparecese unha corrente así. Eu lles conto. Os respiracionistas: expertos virólogos sen título pero con opinión (e voto) convencidos de que o virus é algo psicolóxico e que, se un se convence de que non se infecta ao respirar, pois iso, que non se infecta. O virus esquívate, pasa de longo, vai a por calquera outro psicoloxicamente peor dotado. Así de simple. Isto é literal, non estou a inventalo. Busquen polas redes. A covid é psicolóxica. Que vacina nin ocho cuartos (iso tamén é de meu pai), o que hai é que respirar. Con confianza. Abrindo o peito. Seguramente os respiracionistas tamén son terraplanistas. Xa se sabe: iso de que a terra é redonda é psicolóxico tamén. Como a gravitación universal. Nada é verdadeiro porque o diga a ciencia. O home non pisou a lúa. Elvis está vivo. Marilyn e El Fari, tamén. Viven todos en Venus. 

No único que lles podo dar a razón é en que si, necesitan un psiquiatra con urxencia. 

O certo é que non hai que sorprenderse de que pasen estas cousas. Temos moi desprestixiado o coñecemento, a lectura, a sabedoría. Elevamos a deuses catódicos a mandas de iletrados que gañan unha fortuna por exhibir as súas miserias. Na política, baixamos tanto o nivel que os que aspiran a gobernarnos cóidanse moito de non parecer moi cultos, porque iso os afasta dos votantes. Na campaña de Madrid a Gabilondo deulle por citar a Kant e choteáronse del todo o que quixeron. Máis baile en El hormiguero e menos filosofía. Máis fútbol e prensa rosa. Máis Rociíto e menos Kierkegaard. Ah non, Kierkegaard non. Ese xogaba no Celta, verdade?