Georgia O´Keeffe

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

10 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1960 nas páxinas literarias de La Noche , Méndez Ferrín dedicou un artigo: «A Marina Mayoral que escribiu aquí de pintura non figurativa e de Jacson Pollock». Eu tiña 18 anos e el poucos máis, e falabamos de Pollock , De Kooning ou Mondrian como de vellos coñecidos, pero nin unha mención a Georxia O’ Keeffe, que, nesa data, ía xa lanzada cara á gloria e o mito en que se converteu ao seu pesar. A exposición retrospectiva que pode verse agora en Madrid é a primeira en España, onde aínda para o gran público Georgia O’Keeffe, que naceu en 1886, é unha descoñecida.

Casou en 1924 co fotógrafo Alfred Steglitz, 25 anos maior que ela, e as súas fotos, espida, realizadas por el na década de 1918- 28 foron unha revolución na historia da fotografía. As pinturas que O’Keeffe realiza por esa época foron cualificadas de eróticas e feministas e díxose que representan de forma abstracta os órganos sexuais femininos. Ela negou que esa fose a súa intención, pero sempre afirmou que había que deixar que as pinturas falasen por si mesmas.

A partir de 1930 iniciou un longo e solitario camiño pictórico, poboado de ósos de animais, caveiras, cunchas, paisaxes do deserto de Novo México, e enormes flores, unha das cales, a flor branca de estramonio, Jimson Weed, vendeuse recentemente por 44,4 millóns de dólares. Pintou un universo sensual, de cores brillantes e sombras escuras, suxerente, e ao mesmo tempo enigmático, como ela mesma.

Steglitz, cando viu as súas primeiras obras dixo que eran as «máis puras, máis finas e sinceras» que entraran na súa galería en moito tempo. Foron calidades que Georgia O’ Keeffe mantivo ata a súa morte, en 1987.