Paciencia

OPINIÓN

Marta Pérez | Efe

05 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta doado ver o comezo das cousas, pero non tanto o final. Con todo, cando xa se albisca este, un nota certa impaciencia por chegar a el. Comprendo o cansazo de todo o mundo, en especial dunha hostalería que xa hai tempo que tocou fondo e semella incapaz de soportar máis restricións. Pero convén teimar en algo tan valioso nestes casos como é a paciencia e máis cando se trata dun caso fundamentalmente de saúde pública, non política. A rebelión de media ducia de comunidades autonómicas, que se queixan de invasión competencial e erguen a ameaza de non aplicaren certas medidas aprobadas no Consello Interterritorial de Saúde, reafirma o diferente criterio duns e outros, e tamén un desexo aberto de meteren baza no control final da desescalada. Talvez non queren que o goberno de Sánchez leve o dorsal do gañador na entrada en meta. Mais esa vitoria, por desgraza, coido que sería só parcial, porque a comunidade científica xa hai tempo que vén rexeitando perspectivas optimistas e, unha e outra vez, alerta sobre vindeiras pandemias que, se cadra, teremos que afrontar con novos confinamentos, andazos que poderán rematar na superficie, pero que seguirán facendo estragos na mente e nun medo á morte que non dará acougo. Debemos aprender de exemplos coma o dunha miña amiga que, por mor desta última pandemia, perdeu o pai hai uns meses e non fai extensible a súa rabia e impotencia contra ninguén. Non concibo outro xeito máis xeneroso para verbalizar esa súa esgazadura interior, aconsellándonos un nada de paciencia e precaución, un xesto que é a comprobación de que hai persoas capaces de conducir toda a súa dor cara a un desexo nobre, a mellor homenaxe que, nestes intres, talvez se lles poida facer á perda dun ser querido e ao resto da sociedade.