A beleza imaxinada

OPINIÓN

Eloy Alonso | Efe

10 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Simón avanza que nuns días se cadra deixemos de usar máscaras en lugares públicos, un soño polo que levamos devecendo hai máis de un ano. Neste tempo pandémico son moitas as persoas que coñecemos no traballo ou en calquera acto social, e construímos a forma deses dous terzos de cara tapada coa imaxinación. Sei que hai xente con máis poder de adiviñación, capaz de se achegar un chisco á realidade. Pero as máis das veces non é así e resulta que, ao tomarmos un café con esa persoa que tira por un momento a máscara, decatámonos de que non é tan guapa como pensabamos. A decepción, no meu caso, é maiúscula porque, como escritor, sempre me considerei un observador profesional, un ser intuitivo e atento. Por sorte, acóugame saber que hai estudos científicos ao respecto que conclúen que vemos máis fermosas as persoas con máscara ca sen ela. O motivo adoita ser que a beleza reside na simetría e o noso cerebro enche esas partes ocultas seguindo uns modelos interiorizados que van cara a esa perfección asumida. Velaí a sorpresa dos rostros. De feito, as persoas maquíllanse para borrar as imperfeccións e asimetrías que saen deses patróns que rexen a sociedade e moitas veces impoñen unha beleza ancorada na adolescencia, que afecta seriamente a saúde física e mental. É certo que cadaquén pode facer o que lle pete co seu corpo, mais eu recoñezo que non gusto da persoa que se maquilla en exceso, porque esas capas son outro xeito de máscara, de renuncia á beleza individual e sucesiva que acompaña a cada ser humano durante toda a súa vida e pola que tería que sentirse orgulloso. As máscaras mudaron o noso xeito de mirar, si, pero agora que as imos tirar deberiamos darlles unha volta a eses modelos que escravizan mesmo a nosa imaxinación.