A fuxida do lume

OPINIÓN

Carlos Ramírez | Efe

22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dirixir un centro educativo ten unha complexidade que se subliñou moito máis neste curso pandémico onde houbo que redobrar esforzos e desenvolver unha serie de medidas, por veces contraditorias, que fixeron da xestión un sarillo ingobernable, co engadido dun apoio máis ben escaso por parte da consellería. Agora sabemos pola prensa que aínda quedan 400 centros pendentes de renovar as súas direccións antes do 1 de xullo e resulta obvio que non haxa candidaturas dabondo para ocupar unha función crucial que adoita ter unha responsabilidade tan grande, abafada por unha burocracia excesiva que, con certeza, ninguén le. Non fai falla traballar nun centro para cheirar o fume que deixa a xente queimada. Cada vez é máis. Ninguén quere entrar no lume. Tampouco precisamos preguntarnos pola ausencia das candidaturas, porque, agás algúns casos de motivación económica, a necesidade de puntos para un posible traslado ou o desexo de fuxir da aula, a ninguén lle compensa pasar por unha encomenda que trae semellante desgaste físico e emocional. A esta falla hai que sumar unha porcentaxe elevadísima de cargos directivos nomeados á forza pola inspección educativa que, tras conversas precavidas con uns e con outros, finalmente se decanta por un persoal determinado, ás veces con cursos de formación e outras simplemente con vontade máis submisa. Coñezo xente que sospeita que axiña recibirá a chamada de inspección para que asuma un cargo no seu centro. E comprendo ese medo, algo que tamén debería facer a consellería. Así evitaría que un destes meus amigos docentes non soñase moitas noites coa inspectora, á que sempre lle pon a desculpa disuasoria de que el non vale para nada porque só unha vez foi presidente da comunidade e acabaron botándoo.