Magnanimidade con un mesmo

Pedro Puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

Marta Pérez | Efe

22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A magnanimidade é propia de quen ten bos e elevados sentimentos. Presumamos que, como o valor, acompaña a todos os cargos públicos; e que cando Pedro Sánchez apela á magnanimidade para indultar aos condenados polo Tribunal Supremo, tras prometer en campaña electoral o cumprimento íntegro das penas, faino movido polo elevado sentimento de propiciar a convivencia en Cataluña. Nada sería mellor que así fose. A cuestión é se indultar a quen foi condenado por «mobilizar á cidadanía para proclamar a inobservancia das leis, a substitución na xefatura do Estado e o desprazamento unilateral da fonte da soberanía» pode servir para recuperar a convivencia.

O indulto é unha prerrogativa do poder executivo. Pero, como indica o propio Tribunal Supremo, unha prerrogativa non se pode exercer de forma arbitraria. A concesión dos indultos debe basearse en razóns de xustiza, equidade ou utilidade pública, como marca a lei que os regula. A excepcionalidade que habitualmente concorre para conceder indultos non se ve aquí por ningures: non hai arrepentimento, insístese na vontade de «volver facer o mesmo», e hai capacidade de volver facelo. E o Tribunal Supremo avanza, no seu informe contrario aos indultos, que nin sequera flexibilizando o requirimento legal do arrepentimento «poderíamos albiscar unha vontade de reencontro coa orde xurídica menoscabada polo delito».

Ademais de contraditorio co dito no seu día e da súa posible ilegalidade (que determinarán os tribunais), hai tres problemas máis cos indultos. O primeiro, como fachendea un dos posibles indultados, é que debilita a posición do Estado, ao igual que cando se equiparan sentenzas de tribunais democráticos con «vinganzas». Segundo, é adanista crer que onde o anterior Goberno fracasou co diálogo, o actual pode ter éxito. Pensar que o PSOE, «instrumento máis útil do deep state», como di Junqueras, vai convencer aos independentistas para que se reencontren coa orde xurídica menoscabada concedéndolles uns indultos que desprezan é, como pouco, ter un magnánimo concepto das posibilidades propias. E, en terceiro lugar, porque se da a circunstancia, tamén mencionada polo Supremo, de que neste caso o indulto se achega moito ao «autoindulto», pois beneficia aos líderes dos partidos que garanten a estabilidade do mesmo Goberno que o outorga. Entramos entón noutra dimensión: o Goberno está a exercer a magnanimidade, pero consigo mesmo. O Goberno tamén ten valor. Que sería mellor empregar na defensa da convivencia desde o respecto á orde constitucional e á legalidade.