Investigadores do proceso de envellecemento aseguran que na actualidade un terzo dos maiores de 65 anos son dependentes (necesita axuda para realizar accións básicas da vida cotiá) e que en vinte anos o será o cincuenta por cento.
Creo que serán máis, porque no cómputo non entraron persoas como eu, que podemos camiñar, comer, asearnos, facer pequenas comprar polo barrio e mesmo practicar un deporte e ata escribir libros e dar conferencias, pero absolutamente incapaces de resolver os problemas cotiáns dun mundo dixitalizado: somos os avós/as aos que o neto nos arranxa o móbil que non se oe, ou no que aparecen imaxes sen o noso consentimento. E o neno fai tiqui?tiqui nas teclas e o móbil volve ser un aparello útil.
Dos bancos desapareceu o empregado ao que lle ensinabas o carné e dábache o diñeiro. Agora todo é «virtual», faise «online», e ás túas preguntas contesta unha máquina. Billetes de avión ou de tren, entradas para o cinema ou para un museo, reservas de hotel, tarxetas de transporte, compras… para todo hai que enfrontarse a sistemas que cambian constantemente e que caen e déixanche indefenso e frustrado.
Os dependentes de hoxe son os que onte loitaron por unha sociedade máis libre, máis democrática, menos machista, máis igualitaria; os que se ocuparon dos netos mentres os fillos traballaban, e, cando faltou o traballo, achegaron as súas pensións para paliar a crise. Hoxe necesitan unha persoa que lles axude nos actos da vida diaria e iso inclúe aos dependentes dixitais. Non merecemos que nos coide un robot nin ter por interlocutor a unha máquina. Non merecemos esta sociedade despersonalizada e deshumanizada.