Auditorio de Galicia 1993-2000

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Auditorio de Galicia
Auditorio de Galicia Denís E. F.

17 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Santiago de Compostela é unha simbiose de advocación e topónimo que antes da democracia estaba pracidamente aletargada. Coas corporación democráticas foi espertando un perfil urbano cheo de proxectos e de cultura que converteron a cidade nunha factoría pola que circulaba unha corrente inédita de ideas e persoas.

Unha data clave é 1991, a constitución do Real Patronato de Santiago, que foi posible porque o Estado e a Xunta se implicaron institucional e económicamente no empeño do Concello. O resultado foi a creación do Consorcio de Santiago e a execución dos obxectivos do planeamento, desenvolvendo o plan de infraestruturas e equipamentos como marco das políticas urbanas.

O Auditorio de Galicia, inaugurado en 1989 como un eixe da renovación do barrio de Vite, actuou, xunto co Consorcio, como propulsor cultural dunha capital cosmopolita e popular, clásica e contemporánea. O programa Compostela 93-99 e a Capitalidade Europea da Cultura 2000 resultaron exemplares porque foron planeados e anunciados coa debida antelación, coa anuencia das administración implicadas e da Corporación municipal no seu conxunto e a participación dun grande equipo de funcionarios e consultores. Os recursos habilitados polo Consorcio e a xestión conducida desde o Auditorio de Galicia fixérono posible, a cidadanía colaborou e acudiu público de todas partes.

A ese proxecto emanado do Auditorio hai que lle poñer nomes: Xosé Manuel Villanueva e José Denis Hombre, nunha conxunción de intelixencia, imaxinación e entrega. O recinto acolleu unha sucesión irrepetible de grandes orquestras, directores e solistas, ópera, música de cámara e de raíz, teatro, exposicións, coloquios, coas correspondentes actividades didácticas e «A cultura vai por barrios». A Fundación Granell e a Real Filharmonía de Galicia foron fitos singulares ao abeiro do mesmo plan. O colofón puxérono os programas compartidos coas Cidades Europeas da Cultura do 2000: Aviñón, Bergen, Boloña, Bruxelas, Cracovia, Helsinki, Praga e Reikiavik, e mais o Compostela Millenium.

Agora, vinte e un anos despois, cunha grave pandemia polo medio, cómpre poñerse ao día. Santiago non pode limitarse á catedral e os camiños, necesita de Compostela, do impulso municipal, coma sempre concertado coa Autonomía e co Estado. Os esforzos do alcalde por convocar o Real Patronato deben fructificar porque, sen el, non é doado avanzar. O que hai que ter claro é que tan importante como os recursos é contar cun proxecto ben trabado, como aqueles o foron.