Pardo Bazán viviu nun mundo no que a inferioridade intelectual da muller era case un dogma de fe. O papel que se lle asignaba na sociedade era o do «anxo do fogar», termo acuñado nun poema por Coventry Patmore: a muller que coidaba aos seus anciáns pais, esposa submisa e nai a tempo completo. Era o que dona Emilia chamaba o «destino relativo das mulleres». Non tiña identidade propia: era sempre a filla, a esposa ou a nai de…
Don Juan Valera, no folleto Las mujeres y las academias, opúxose a que entrasen nesa institución e argumentaba así: «En la mujer quiso Dios dar al hombre una ayuda semejante a él (…) y es en la mujer pecaminosa rebeldía contra los decretos de la Providencia el afán de tornarse sobrado independiente del hombre y campar por sus respetos».
Dona Emilia nunca admitiu a inferioridade intelectual da muller nin a súa exclusiva función de anxo do fogar. O seu feminismo foi moi radical porque atacaba os principios nos que se baseaba a marxinación feminina. Repetiu en múltiples traballos e ocasións que a raíz da desigualdade estaba na falta de instrución das mulleres, nunha educación que preparaba aos homes para desempeñar postos importantes na sociedade e á muller para conseguir un marido que a mantivese, e perpetuar así o modelo de submisión.
No que se refire á moral sexual, a súa postura foi moi avanzada para a época: denunciou unha sociedade que encomiaba a experiencia no home e condenábaa na muller, e criticou as postura da Igrexa, moi benévola nesta materia cos homes e implacable na súa condena á muller. Ela sempre mantivo que «no hay un pecado más para las mujeres».
Pola súa forma de pensar e vivir recibiu moitos ataques. Nunha entrevista de El Caballero Audaz dixo: «Tengo la evidencia de que, si se hiciese un plebiscito para decidir si ahorcarme o no, la mayoría de las mujeres españolas votarían que ¡sí!». E dos seus colegas escritores non recibiu mellor trato. Nun dos seus artigos publicado en 1912 en Diario de la Marina da Habana escribiu: «No hubo diablura que no se ejercitase contra mí; ya eran chinitas, ya zurriagazos».
Era unha loitadora e nunca se rendeu. A cen anos da súa morte, hai que agradecerlle o seu legado literario e as portas que abriu ás mulleres.