De Pardo Bazán neste centenario lembráronse xunto aos seus méritos os defectos que xa no seu tempo lle atribuíron: que era pedante, metomentodo, vaidosa… Case sempre estiveron motivados pola envexa, pero houbo un asunto no que dona Emilia estivo certamente desafortunada: foi na súa relación con Rosalía de Castro.
Por carácter eran antagónicas. Rosalía era dunha modestia inusitada na fauna literaria. Era consciente do seu papel na recuperación do galego como lingua literaria, pero en carta a Pondal, respondendo os seus eloxios, dille que se considera unha «medianía», que non lle gusta nada do que fixo e que, se deixase de escribir, pouco se perdería. Dona Emilia, ao contrario, está convencida de que a súa obra levaraa á inmortalidade literaria.
Rosalía só na súa primeira mocidade participou en actos culturais : ¿actuou como actriz en obras que se representaban en El Liceo de la Juventud de Santiago. Dona Emilia está en todas partes. Zorrilla chamoulle «la inevitable». O rexeitamento de Murguía á participación da muller na vida social e política tampouco favoreceu un achegamento das dúas escritoras.
Dona Emilia, que dirixiu La Revista de Galicia, non anunciou a publicación de Follas novas, nin falou nunca de En las orillas del Sar, libros que están na liña da mellor poesía social e existencial do século XIX. Considerou a Rosalía «o primeiro poeta rexional» porque estaba convencida de que o uso do galego era un impedimento para facer literatura universal.
Murguía entendeu esa falta de atención como un ataque contra Rosalía. Eu creo máis ben, que dona Emilia non se deu conta da carga revolucionaria, social e feminista que levaba a súa poesía. Debeu de vela como unha muller sometida ao seu marido, encerrada na casa, cargada de fillos e que non saía da súa terra. Era un modelo que ela se esforzou en romper. Quizá esa sexa a causa profunda da súa incomprensión.
Nunha ocasión díxolle a Alberto Insúa que Galicia só tivera dous grandes escritores, e que os dous usaban saias. Un era ela, e o outro, o frade Feijoo.
Mágoa que non vise que as outras saias eran as de Rosalía de Castro.