Non podemos perder o naval. E non só polos postos de traballo, que tamén. Non podemos perdelo, como tampouco podemos perder o agro ou a pesca. Por que? Nada de sentimentalismos e menos de nacionalismos. Non podemos perdelo por unha poderosa razón: independencia xeoestratéxica.
Os europeos estamos a un paso de ver afundir esta industria, como pasou coa industria da electrónica de consumo, do software e tantas outras. Sen construción naval perderemos autonomía comercial e dependeremos do que nos queiran fornecer outras potencias para abastecernos de enerxía, de materias primas, de insumos intermedios. Sen construción naval perderemos a razón de ser dos novos enxeñeiros e dos novos técnicos e traballadores cualificados, que non se improvisan dun día para outro.
Mais, como manter unha masa crítica de construción naval en Europa? Dende logo non coa ficción dos subsidios para estar man sobre man e perdendo aptitudes e habilidades no saber facer ao nivel dos mellores do mundo.
A máis plausible solución é defender a creación dunha Armada europea, que garanta a independencia da Unión nos mares e océanos. Semella utópico, pero a necesidade vital é nai das utopías.
A suma das nosas armadiñas estatais non chega nin de lonxe a acadar a capacidade disuasoria e operativa da VI Flota norteamericana, dirixida dende Nápoles. Nin sequera Francia pode manter soa a ficción dunha construción naval estratéxica.
A presentación dos seus submarinos nucleares tipo barracuda, co Suffren feito en Cherburgo, é o arranque dun degoiro impotente. O anuncio para 2038!!! do substituto do seu único portaavións medianamente funcional, o Charles de Gaulle, resulta sarcástico. E non hai máis en Europa.
Se non pensamos ao grande seremos irrelevantes. A historia non dá de comer nin garante a independencia. Zenón de Somodevilla, marqués de la Ensenada, non vai resucitar para restaurar a construción naval española. Ademais, España non pode asumir a financiación desa industria consonte cos actuais estándares mundiais. Mesmo a Royal Navy británica é hoxe só a mínima sombra do que foi durante o século XX.
Daquela, se de verdade desexamos conservar a nosa industria naval a un nivel state of the art, non queda outra que apostar por unha Armada europea que incremente a demanda de unidades para unha flota estratéxica, e que posibilite o mantemento de técnicos e saberes para reintroducirse no eido civil.
Todo o demais é enredar, xestionar a decadencia e, ao cabo, certificar o peche desta nosa industria.