O camiño das estrelas

OPINIÓN

AFP7 vía Europa Press

05 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os anos, especialmente en agosto, adoito madrugar ás seis da mañá para escribir e avanzar na novela que teño entre mans. É unha teima ou o xeito máis doado que temos algúns escritores, que tamén somos funcionarios, de collermos as vacacións para traballar nesoutra cousa tan inmaterial como é a escrita. A min dáme resultados porque a esas horas tan intempestivas nada me distrae e despois teño o resto do día para compartir coa familia. Mais estes días está a me vencer a tentación das Olimpíadas e non avanzo moito porque a diferenza horaria trae as convocatorias deportivas moi cedo. Non me importa. Recoñezo que este ano esta competición está a me gustar máis que outras veces por ser socialmente relevante en temas que van alén do deporte e xeran debates tan interesantes como o da saúde mental, o racismo, o feminismo, a visibilidade LGTBI, a maternidade, o machismo e moitas discriminacións que están inseridas coma unha doenza incurable dentro da sociedade. Con todo, hai avances. Non sei se é unha percepción persoal, mais en Tokio están a destacar moitas voces femininas que se converteron en protagonistas non só polos éxitos deportivos senón porque, desta volta, semellan ser escoitadas e reclaman a atención dos medios para denunciaren, dun xeito case sempre sutil, todos os atrancos que tiveron que pasar até chegaren aquí. Simone Biles, Yulimar Rojas, Raven Saunders, Ona Carbonell, Teresa Portela ou esa negra galega tan espontánea e vibrante chamada Ana Peleteiro son estrelas que inflamaron aínda máis o meu desexo de ver estas Olimpíadas que, por sorte para todos, menos para o avance da miña novela, teñen voz de muller e xa son todo un referente que marca o camiño para seguirmos na procura do mellor premio que é o da igualdade.