DON RAMÓN, LEXICÓGRAFO

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

06 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimos, no Beatus anterior, como Otero Pedrayo se laiaba de que en Galicia non houbese estudosos do noso idioma. Comunicáballo, en 1943, ao sabio lingüista Dámaso Alonso, que acababa de escribirlle unha carta, desde Madrid, na que lle facía preguntas sobre algúns campos léxicos da lingua galega. Don Dámaso era, daquela, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade Central e estaba moi interesado en certos problemas do galego oriental, tanto o da banda dereita (Asturias) como o da esquerda (Galicia). Sabido é que o profesor madrileño tiña as súas raíces familiares en Ribadeo e Castropol. Do ilustre filólogo é esta confidencia a don Ramón: «En la meseta me he sentido siempre desterrado».

Por un rigoroso estudo de Xosé A. Fernández Salgado coñecemos oito cartas enviadas polo ilustre profesor da Central a don Ramón, traballo que eu coñezo pola atención da oteróloga Patricia Arias Chachero, secretaria da Fundación Otero Pedrayo. Nese breve epistolario están algunhas das preocupacións de don Dámaso sobre o galego falado na época, nomeadamente na franxa oriental. Coas respostas de don Ramón e algún outro escritor galego (Filgueira Valverde, Aquilino Iglesia Alvariño...), don Dámaso elaborou estudos sobre aspectos da nosa lingua maxistrais no seu tempo. Un, de 1947, é modélico. Publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos, co título Enxebre, trátase dunha breve monografía de vinte páxinas que aínda hoxe deberían ler algúns profesionais da palabra (Parlamento, TV...) para que, no futuro, mentres beben viño enxebre ou merendan touciño enxebre falen o galego enxebre. Hai que xebralos do ubre castrapista!, verbo que, segundo don Dámaso, vén do latín separare.

Agora o que cómpre é atopar as cartas de resposta de don Ramón aos inquéritos epistolares de don Dámaso, tarefa na que está moi interesada a Fundación Otero Pedrayo. Como o arquivo do gran lingüista se custodia na Real Academia Española, a Fundación contactou con Darío Villanueva, exdirector da institución, contacto tan eficaz que xa se traduciu nalgún froito. Será, se hai sorte, un epistolario filolóxico memorable!