Antes do covid, en agosto case non había noticias. Os medios de comunicación contaban os veraneos dos reis, do presidente, dos famosos, e algunha serpe de verán que poucos crían, pero que enchía moitas páxinas. A máis recorrente era o avistamento do monstro do lago Ness, a quen se chamaba xa familiarmente Nessie.
Agora o que enche os medios, sobre todo a televisión pública, é o reconto do avance do virus e das medidas que toma cada comunidade para evitar contaxios. Como son moitas e cada unha fai o que lle dá a gana, é un latazo interminable, e ao final acaba un mareado e sen saber se en Valencia deixan que te reúnas con seis amigos ou con dez, ou se iso ocorre en Galicia ou en Andalucía, Cataluña, etcétera.
Outra novidade deste verán é que se evitan as noticias malas. Desgrazas , só as de fóra. Cando non queda máis remedio, búscase inmediatamente un paliativo. Por exemplo: dan o número de mortos (o PP púxose pesadísimo con que o ocultaban) e enseguida din que imos á cabeza do ránking de vacinación, ou que hai zonas que alcanzaron a cifra do 70 %, que xa non serve para nada, pero dá o mesmo, insisten niso.
O presidente de Cataluña négase a asistir ao cume de presidentes autonómicos. Como o seu voto é decisivo para aprobar os orzamentos, pode permitirse o desprezo e dicir que o seu obxectivo é a «autodeterminación» e a «amnistía» para os condenados e os fuxidos polo procés. A ministra portavoz comenta sorrindo que é unha boa noticia que as críticas veñan de dereita e esquerda; iso significa que o Goberno está onde quere estar: no xusto medio… Ai! Como estraño a Nessie!