Nas próximas xornadas a meirande parte da Península verase afectada por una intensa vaga de calor. En Galicia recobraremos o tempo estival, pero librarémonos dos valores tan extremos que se acadarán noutras zonas. Este morno verán que estamos a vivir non nos debe facer esquecer que os efectos do quecemento global serán tamén moi notables na nosa comunidade para as próximas décadas. Así o indica o último informe do IPCC, que mostra un futuro no que a media da temperatura en Galicia podería ser de 1.5 a 4 graos máis alta. O aumento da temperatura levará asociado unha restra de efectos secundarios, algún deles con potenciais efectos nefastos para a nosa sociedade. A consecuencia máis inmediata deste quecemento será a intensificación das vagas de calor e a redución do número de días con frío, xeadas e neve.
No tocante ás precipitacións, ao contrario que no caso das temperaturas, os cambios non irán no mesmo sentido en todas partes. Así, mentres que no norte de Europa os modelos climáticos apuntan cara unha maior pluviosidade, na metade sur as cantidades de chuvia anual veríanse reducidas. De acordo ao IPCC, a redución da precipitación en Galicia, que por agora non se observa, debería empezar a ser significativa a partires dunha subida de 2 graos. Ademais, teríamos menos cantidade de auga no solo e máis humidade no aire. A consecuencia sería un incremento tanto das chuvias torrenciais como das secas. Á súa vez, o efecto combinado do aumento das temperaturas e da seca podería ter consecuencias dramáticas en materia de incendios forestais.
Por último, Galicia deberá de ter un ollo posto no Atlántico nos próximos anos. Non só pola previsible suba do nivel do mar, senón tamén polas posibles alteracións das correntes oceánicas e chegada de ciclóns tropicais ou subtropicais. Tamén polo posible aumento na frecuencia de DANAs preto das nosas costas, como a causante das fortes tormentas do pasado xuño. Sobre estes últimos fenómenos existe aínda unha gran incerteza, e é por elo que se necesita seguir investigando. O que está claro é que como sigamos aumentando as nosas emisións, Galicia podería deixar de ser tal e como a coñecemos.
Damián Insua é investigador do Grupo de Física No Lineal de la Universidad de Santiago