Foi un 15 de agosto de 1982. Final do trofeo Teresa Herrera. Alí estaba o primo Gerardo. Fronte a fronte, dous colosos: o poderoso Dinamo de Kiev e o FC Barcelona. O resultado, catro a un a favor dos rusos. Era o de menos. O importante é que sobre a herba de Riazor estaba Oleh Blokhin, un ídolo para o meu primo. El acudía a todos os Teresa Herrera nos que figuraba o seu equipo. Pero aquel ano era especial. Non só pisaría Riazor o Barcelona. Estaría tamén Blokhin. Pasou toda a semana sen durmir. Nervioso. E alá foi. O seu soño era conseguir o autógrafo do seu ídolo ucraniano: Oleg Vladímirovich Blojín, ou Blokhin, ou Blokhín. O nome era o de menos. Intentou en varias ocasións conseguir a sinatura. Ao entrar ao estadio era imposible. Autobús e xente apiñada. O primo Gerardo metía os cóbados, empuxaba, gritaba: «Blojín, Blojín». Pero Blojín nin o miraba. Só quedaba a final. Quizá estaría máis receptivo o xogador. El foi o que marcou o catro a cero, minuto trinta e oito. Pichi Alonso no oitenta marcou o gol da honra. Pero que importaba a malleira. Que importaba. O único importante sería a alegría de Blojín. O primo Gerardo pensaba que estaba feito. E así foi. Blojín saíu feliz de Riazor. O Gerardo achegouse a el. Caderno e bolígrafo. «Blojín, Blojín, autógrafo!», gritaba. Blojín achegouse. «Para Gerardo Hervella Chaves», dixo o meu primo co fin de que asinase o futbolista. Debeulle parecer difícil o nome. Non escribiu nada. O Gerardo insistiu: «Blojín, Blojín!». Volveu coller o bolígrafo. O meu primo, para non complicarlle a vida ao ruso, dixo: «Tú Blojín, yo Jimmy». Hai case corenta anos que o meu primo garda unha xoia nos seus arquivos: «Para Jimmy. Blokhin!».