Risco e conformidade

Ricardo García Mira DECOTÍO

OPINIÓN

MOLLY DARLINGTON | Reuters

22 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Remataron os Xogos Olímpicos, sen pena nin gloria na perspectiva global. As restricións á súa realización, cun número de casos de covid-19 en aumento, foron consistentes coa tradicional aversión ao risco da sociedade xaponesa. O coidadoso comportamento dos xaponeses escapando de calquera situación que comporte risco contribúe a facer de Xapón o país máis seguro do mundo. Este conformismo, que se visualiza acotío, segue a liña do seu famoso proverbio «o cravo que sobresae sempre leva máis golpes», que reforza a norma xeral e evidencia o difícil que é ser diferente e a resistencia a calquera desviación. Aínda así, polo menos culturalmente, isto debe relativizarse, se temos en conta que Xapón ten culturas variadas, incluídos oito idiomas diferentes.

Fukushima, non obstante, segue a significar un risco para a poboación dez anos despois. Así o evidencia que só un 10 % dos seus habitantes regresase á zona do desastre, malia os esforzos do Goberno por transmitir confianza. Nin os investimentos millonarios en promocións residenciais, escolas e infraestruturas de contención ao longo da costa, nin o almacenamento da terra cultivable aínda radioactiva en depósitos lonxe do lugar deron aumentado esta taxa.

A maioría da poboación asume o que en psicoloxía se coñece como «pesimismo defensivo estratéxico», polo que estas persoas asumen menos riscos, séntense máis satisfeitas por iso e declaran obter mellores resultados na vida cando reflexionan ao respecto. A análise en negativo do pesimista defensivo induce a crer que a próxima vez se podería fallar, con independencia do éxito anterior. Polo contrario, o optimista estratéxico, máis propio do mundo occidental, asume máis risco, pero a costa de maior ansiedade e insatisfacción, e leva a coidar que «a próxima vez seguro que o logra», sen fundamento que o asegure.

A calor deste verán ou as inundacións da fin de semana no sur do Xapón evidencian que non todo se pode controlar de xeito directo. A maior evaporación que produce a mudanza climática está a condensar máis auga nas nubes e fai a chuvia máis torrencial, desbordando ríos e producindo corrementos nas beiras. O río Sakawa, preto de Toquio, baixaba este domingo ingobernable, arrasando todo ao seu paso. Probablemente, o risco é xa algo co que temos que aprender a convivir para adaptármonos á mudanza climática.