Algúns lectores manifestáronme a súa estrañeza polo que escribín sobre o «paradoiro descoñecido» do cadro de Joaquín Vaamonde, que non é o retrato dunha campesiña descoñecida senón de Pardo Bazán, unha gran figura da literatura europea. Debo dicir que a fonte dese dato foi o portal sobre Pardo Bazán do Instituto Cervantes Virtual, dirixido por unha excelente e rigorosa pardobazanista.
Eu podo engadir algúns datos que seguramente aumentarán o asombro: ese cadro era especialmente estimado por dona Emilia, que dedicou varias páxinas de La Quimera a contar como foi o proceso de creación da obra: como se gradúa a luz do salón onde vai posar; como se recolle sinxelamente o pelo e se rodea os ombreiros «de una nube de tul blanco sujeta con cintas anchas color de mar»; como mira a paisaxe encadrada pola xanela: o bosque de castiñeiros e piñeiros, as terras de labor e ao fondo a ría. O espectáculo da natureza énchea de serenidade, que se reflicte no seu rostro. E iso cáptao Vaamonde.
Ao mirar o cadro, dona Emilia vese favorecida. O pintor dille que só suavizou un pouco as liñas, pero que lle deu «toda su edad, su corpulencia y su misma expresión, la misma». Non é unha imaxe retocada; é, sinxelamente, a mellor imaxe de dona Emilia. E é tamén a imaxe física que ela quere que perdure. O cadro expúxoo na súa casa de Madrid e despois reproduciuno fotograficamente para poder enviar esa imaxe aos amigos. No Arquivo da RAG consérvase a foto que enviou a Pondal, dedicada, en 1902.
Por iso é estraño que se descoñeza o paradoiro actual dunha obra que ela admiraba tanto. Coido que o caso merece unha investigación.