Anda a cidadanía galega, desde cabo Ortegal á serra do Galiñeiro, revolucionada pola ameaza de instalación de xeradores eólicos. Que sucede?
Foi na etapa de Manuel Fraga na Xunta, 1990-2005, cando se impulsou esta enerxía, que gozaba de todos os parabéns: ecolóxica, renovable... polo que recibiu un apoio xeral, convertendo á Galicia de principios do século XXI nunha potencia.
A política de apoio aos eólicos, continuou ata o 2009 co Goberno de PSdeG e BNG. Liderada polo nacionalista Fernando Blanco (martirizado durante anos pola inefable xuíza De Lara), a Consellería de Industria deseñou un concurso que ponderaba a creación de emprego e a imbricación das empresas solicitantes co tecido empresarial propio, tratando de evitar o espolio de empresas alleas. Aposta torpedeada polo socio de coalición, o PSdeG, usando para iso ao titular de Medio Ambiente, un político do Carballiño moi pagado de si mesmo, pero hoxe fora deste partido. Os paus nas rodas foron tan eficaces que se chegou ao 2009, en que o PP recuperou o poder en Galicia, co concurso en vía morta. A nova Xunta, con Feijoo, anulou o concurso, ao que se sumou a retirada de primas ás renovables decidida por Rajoy en Madrid. Chegaron 10 anos de parada eólica en Galicia, coa conseguinte perda de tecido empresarial e empregos. A día de hoxe o PSdeG non pediu perdón por esta acción filibusteira. Non estaría de mais.
A partir do 2015, cunha tecnoloxía máis eficiente, os eólicos foron gañando potencia e tamaño, chegándose hoxe a máquinas de máis de 200 metros de altura, monstruosas, case mutantes comparadas con aquelas de 10 metros que chamaban a atención hai 30 anos. E aumentando, claro está, o seu impacto na paisaxe e no entorno habitable. Non é admisible que o territorio galego -iso pretenden as voraces empresas eléctricas- sexa apto para instalar eólicos, e menos cerca das casas, impactando na calidade de vida da xente. Non o xustifica a feble creación de emprego nin o que pagan as empresas, que se ben antes para instalar as torres alugaban o terreo -que co tempo revertía aos propietarios- hoxe gozan do privilexio da expropiación, cun miserable pago como única contraprestación. Eólicos si, pero non así!